A Deputación da Coruña financiará o remate do proxecto museolóxico da Casa-Museo de Rosalía
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o diputado da área de Promoción Económica e Emprego do organismo provincial, Xosé Lois García, visitaron hoxe a Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón e anunciaron unha importante colaboración que permitirá inaugurar o ano que vén, cnado se cumpre o 180 aniversario do seu nacemento, as novas instalación co proxecto museolóxico rematado.
O novo compromiso da Deputación da Coruña coa Fundación Rosalía materializarase nunha achega de 33.131,74 euros, o 80% do orzamento total previsto para rematar a nova museoloxía da Casa que será así “reinaugurada” o vindeiro ano, cando se conmemore o 180 aniversario do nacemento da poeta.
Con este motivo, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, máis o deputado delegado de Promoción Económica, Xosé Lois García, visitaron hoxe as instalación en Padrón e anunciaron a colaboración para a que se aproba agora a reserva de crédito, co fin de asinar en breve o convenio que permitirá o inicio das obras.
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, sinalou a relevancia de apoiar un proxecto “que serve non só para honrar a figura de Rosalía, o noso referente literario e cultural nacional, senón tamén para trasladar unha nova imaxe dela. Porque Rosalía era unha muller culta, pensadora, transgresora, vangardista, moderna. Esta reforma permite unha actualización da súa figura, dela e de Murguía, o gran precursor. Sen ela, sen el, a Galiza que tripamos hoxe non sería a mesma”.
Destacou a condición de Rosalía como “pioneira do pensamento feminista, referente literario e símbolo do país” que comete “a ousadía de escribir en galego por vontade consciente. Niso, Rosalía é a grande avantaxada e o seu papel entronca tamén co das Irmandades, que sentían devoción por ela por recoñeceren este seu mérito principal. Non é arriscado hoxe afirmar que temos idioma galego por el continuar na boca de labregas e mariñeiras mais que, sobre todo, temos moitos usos do galego grazas a Rosalía de Castro, á súa figura e ao que supuxo para as xeracións posteriores” polo que, afirmou “sen ningunha dúbida, sen Rosalía hoxe non estariamos hoxe aquí a falar galego”. Con esta nova colaboración, a área de Cultura da Deputación suma esforzos, afirmou, a “todas aquelas que traballen polo recoñecemento dunha Rosalía universal e transcendental, que denunciou as consecuencias da emigración e gabou unha paisaxe baseada no respecto e o orgullo do propio”.
Pola súa parte, o responsábel da área de Promoción Económica e Emprego, Xosé Lois García defendeu a cultura como “eixo para o desenvolvemento turístico e económico e, neste sentido, a Casa de Rosalía é un espazo de referencia, dos máis visitados no pais e carta de presentación que queremos moderna e acaída aos nosos tempos”. “Somos conscientes do relevante do proxecto para que a casa, sede da Fundación, responda á grandeza da figura á que se lle dedica e serva de escaparate non só da súa poderosa literatura senón tamén como motor de atractivo turístico e económico na comarca”, engadiu García.
O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, afirmou que “a realización desta fase final do proxecto permitiranos, por fin, reinaugurar a Casa de Rosalía. É este un feito de notable envergadura e que cómpre celebrar. Despois deste acordo xa estamos pensando encaixalo na celebracións do próximo ano rreferidas ao 180 aniversario do nacemento da autora”.
O obxectivo desta reforma museolóxica, máis de 40 anos despois da súa apertura ao público, é ofrecer unha perspectiva que permita comprender ao/á visitante a importancia de Rosalía como figura central da cultura galega, achegando a información esencial para entender a súa obra, a do seu home e mesmo a do seu fillo, o pintor Ovidio Murguía.
O deseño do proxecto, desenvolvido por Pepe Barro –que fixo unha explicación do mesmo no transcurso da visita-, son restaurar o papel de Rosalía como paradigma da cultura galega, amosar o seu perfil como muller intelectual do seu tempo, amosar a familia de Rosalía como verdadeira factoría cultural, e sinalar o papel da parella De Castro-Murguía como artífices da Galicia de hoxe.
Neste novo proxecto céntrase o discurso nos personaxes, desbotando a simulación dunha vivenda e dándolle máis valor a pezas emblemáticas da colección propia ou cedida. Ademais, incorpóranse as novas tecnoloxías para facilitar a comunicación e favorecer a emoción, e intégranse documentos, obras de arte, mobles e obxectos nun mesmo discurso.
Espazos a reformar
Logo da reforma da planta baixa, velaquí os espazos que incluirá a reforma, que está prevista que se comece a finais deste ano:
1. A cociña: a intervención neste espazo será mínima, conservando a súa actual forma e disposición. Aproveitarase para expor a riqueza da literatura gastronómica popular da autora.
2. A familia, unha factoría cultural: a primeira estancia do sobrado estará dedicada á familia de Rosalía a partir da foto familiar tirada na Matanza, que se subdivide en dous espazos:
Murguía, nación e construción: dedicado ao primeiro presidente da RAG, que contará con obxectos que lle pertenceron, entre outras cousas.
Os cinco de Manolo e Rosa: dedicado a Ovidio, con varios cadros, e ao resto das fillas: Alejandra, Gala, Aura e Amara.
3. Pasamento, translación e mitificación (actual dormitorio): Mantense a cama, que pertenceu á familia, ademais doutros elementos, pero reformúlase o resto.
4. “O meu gran salón”. Muller intectual do seu tempo: Estancia dedicada ao pensamento de Rosalía.
5. Rosalía e Murguía, os pais do país: Espazo final do percorrido cunha mensaxe clara: Rosalía e Murguía son os artífices intelectuais da Galicia contemporánea.











