A Tradescola organiza novas xornadas de música tradicional para escolares da Pastoriza
A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos en Lugo, achegarase ao concello da Pastoriza para impartir unha nova xornada de música tradicional para escolares que terán lugar mañá xoves día 7 de maio. Con estas xornadas, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar á nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos polos mestres da Tradescola
O primeiro dos concertos didácticos terá lugar no CEIP O Salvador a partir das 10.45 horas, e o seguinte concerto no CEIP Bretoña ás 12.00 horas. Nestos concertos, que estarán impartidos polos mestres da Tradescola Luis Correa “O Caruncho”, Xabier Iglesias e Xose Lois Romero, amosaránlles aos alumnos a evolución dos instrumentos e formacións musicais que progatonizaron a historia da música galega nos últimos séculos e os distintos ritmos, instrumentos e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.
Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual, e para conseguilo, realiza asiduamente numerosos actos como charlas, exposicións, concertos, ou xornadas que achegan a numeroso público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente na rúa Pintor Corredoira nº 4, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.
CONCERTO “SONS DE MAIO” DA TRADESCOLA
Outra actividade que levará a cabo a Tradescola no día de mañá, xoves 7 de maio, e o concerto “Sons de maio” que terá lugar na praza de San Marcos de Lugo, a partir das 20.00 horas e no que se poderá gozar con numeroso repertorio tradicional interpretado por alumn@s e mestres da Tradescola e no que non faltarán gaitas, requintas, zanfonas, percusións, acordeóns, cantareir@s e por suposto bailador@s.
Este concerto súmase as distintas actividades de difusión e promoción da nosa música, o noso canto e o noso baile tradicional que realiza a Tradescola durante o curso, e que contan coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo.