Cultura promove traballos de conservación do Castro de Baroña por 72.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRiveira
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou hai uns días os labores de plena recuperación e posta en valor do Castro de Baroña (en Ribeira), que supoñen un investimento de preto de 72.000 euros. Segundo explicou o conselleiro Román Rodríguez ante o pleno do Parlamento, trátase dunha intervención arqueolóxica de carácter preventivo que “repercutirá de forma efectiva na mellor garantía da protección e conservación deste ben sobranceiro do noso patrimonio”, así como na “total seguridade do propio ben e dos seus moitos visitantes”

Estes traballos – agora en plena execución e que está previsto que rematen nuns meses- abranguen o acondicionamento e consolidación das estruturas da muralla e do recinto principal, no seu sector Norte, co fin de evitar posibles derrubas e previr eventuais danos estruturais ou persoais de calquera clase que se puideran producir. Os labores realizados están ofrecendo xa unha importante información sobre a evolución construtiva deste asentamento. “Son achados moi reveladores, que permiten descubrir a que é a muralla orixinal, labores aos que seguirán novas fases de escavación e, finalmente, de consolidación”, avanzou o conselleiro.

Román Rodríguez asegurou que este proxecto ratifica o compromiso do Goberno da Xunta coa preservación e posta en valor do conxunto do patrimonio arqueolóxico de Galicia. No que atinxe ao Castro de Baroña, lembrou que foi o actual Goberno o que o declarou Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de zona arqueolóxica en 2011 e quen, en 2010 e “tras 14 anos sen actuacións arqueolóxicas no contorno deste Ben”, iniciou un estudo sobre o estado real de conservación do asentamento que serviu de base para as actuacións que agora se promoven.

FP Básica

Doutra banda, en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre a implantación da Formación Profesional Básica en Galicia, Román Rodríguez explicou que esta modalidade foi ben acollida por parte da comunidade educativa e estase desenvolvendo con normalidade. De feito, neste primeiro ano de implantación da FP Básica a Consellería fixo unha oferta de prazas ampla, de máis de 4.300 (que cubre o cen por cen da demanda), diversa (para cumprir coas expectativas de alumnos e alumnas), e con cobertura formativa en todas as comarcas de Galicia.

Fronte ás críticas da oposición á falta de investimento para a posta en marcha esta modalidade que substitúe as PCPI, Román Rodríguez subliñou que a Consellería está implementando unha serie de obras en diversos centros de secundaria que imparten FP e, deste xeito, ampliando e tecnificando os espazos para poder mellorar e ampliar a oferta, sobre todo enfocada a FP Básica. A modo de exemplo o conselleiro mencionou a obra do novo edificio anexo no IES Pedouro (en Burela), e o novo taller de madeira no CIFP A Xunqueira (en Pontevedra), entre outros. Confirmou tamén que os centros percibirán achegas pola implantación da FP Básica, a semellanza do que acontecía cos fondos correspondentes ás PCPI.

Na súa intervención o conselleiro lembrou que entre as vantaxes da FP Básica está o feito de que o alumnado vai ter un título homologado cando remate os seus estudos (que non ocorría cos antigos PCPI), e que da acceso a unha avaliación final para obter o título de graduado na ESO e a ciclos de FP de Grao Medio. Por tanto –explicou Román Rodríguez- “ofrece continuidade dentro do sistema educativo a moitos mozas e mozos que doutra maneira terían abandonado xa as aulas”. Nesta liña salientou que a FP Básica, xunto con outras medidas, “contribúe directamente á loita contra o abandono escolar”, que en Galicia descendeu en 10 puntos nos últimos cinco anos.

CPI Os Dices (Rois)

Sobre o horario escolar do CPI Os Dices (de Rois), o conselleiro lembrou que desde o seu departamento ofrécese diálogo e tratouse de buscar unha solución factible sobre un horario que -dixo- que non é ilegal, senón de carácter excepcional e que leva vixente desde hai 15 anos a petición do propio centro.

Así mesmo explicou que un cambio horario no centro esixe do acordo favorable da maioría absoluta do total do censo das familias existentes no centro, un requisito que non se acadou (non chegou ao 43% a porcentaxe de familias que o apoiaron) e que, por tanto, non se pode establecer. A maiores, a Consellería tamén ten coñecemento de que algunhas familias constituíron unha segunda Anpa porque discrepan da posición que mantén a actual Anpa San Isidro respecto aos horarios.

Non obstante, o conselleiro reiterou a disposición do seu departamento a tratar de chegar a acordos e aproximar posicións neste asunto.

29 de abril de 2015 | 20:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.