María Loureiro recorrerá a súa imputación por suposta prevaricación urbanística
A alcaldesa da localidade lucense de Viveiro, María Loureiro, anunciou este venres que recorrerá a súa imputación por un suposto delito de prevaricación urbanística porque non está “de acordo” con esta decisión xudicial.
Despois de que o xulgado de instrución número 2 de Viveiro decidise a súa imputación, xunto coa doutros concelleiros e exconcelleiros, en relación con licenzas urbanísticas outorgadas por silencio administrativo entre 2006 e 2008, a rexedora dixo que o asume “con tranquilidade”.
“Evidentemente, no concello acatamos a decisión da xuíza, pero non estamos de acordo”, manifestou, e reiterou que os afectados recorrerán. “Porque estamos convencidos de que non incorremos en ningún delito”, argumentou.
Ademais, a rexedora socialista puntualizou que só participou nunha das concesións de licenzas que investiga a Xustiza, pois chegou ao Concello viveirense pouco antes do verán de 2007 e non asumiu as súas rendas ata o falecemento de Melchor Roel en decembro do pasado ano.
SILENCIO ADMINISTRATIVO
De seguido, explicou que a modificación da Lei do Solo de 2003 provocou “un baleiro legal” e dúbidas sobre a aplicación do silencio administrativo. “Non estaba claro nin polos propios xuristas”, aseverou.
É por iso que o Concello de Viveiro celebrou “varias comisións urbanísticas” para outorgar as licenzas e “interpretar” ese silencio administrativo. “Nelas participaron todos os grupos, e mesmo se chamou a un xurista da Coruña para explicalo e seguíronse os seus criterios”, recordou, e apuntou que a secretaría municipal tampouco realizou “ningunha advertencia”.
Ademais, xustificou o recurso ao silencio administrativo na concesión de licenzas en que “había un montón” de solicitudes e “suponse que aos tres meses” dende a súa petición, se daban por autorizadas.











