A carpa informativa Xplora Xuventude visitará O Porriño
A concellaría de Mocidade que dirixe Iria Lorenzo, a través da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) levará a cabo a actividade organizada pola Consellería de Traballo e Benestar, XPLORA XUVENTUDE.
Esta actividade, cuxo obxectivo principal é dar a coñecer aos mozos os recursos e programas a eles dirixidos e facilitarlles o asesoramento por parte de técnicos especializados, desenvolverase no Porriño o vindeiro sábado 6 de Setembro na praza Arquitecto Antonio Palacios, de 10:00 a 14:00 horas.
Cabe destacar que ademais de información de interese, estas carpas pretenden ofrecer un espazo aos grupos de mozos e entidades xuvenís, no que poidan mostrar as actividades e propostas que levan a cabo, servindo deste xeito como escaparate do talento xuvenil.
Así mesmo, serán un punto de información onde se proporcionará asesoramento sobre os recursos e os programas dirixidos a mozos nos diferentes ámbitos: programas de Iniciativa Xove e Erasmus +, voluntariado xuvenil e ambiental, Galeuropa e outros programas de mobilidade xuvenil, servizo Quérote+ ou Carné Xove e outros carnés destinados á mocidade, entre outros.











