A ampliación de zonas GAT e a liberalización de horarios non incrementa as vendas nin atrae a turistas
O Goberno aprobou o pasado venres en Consello de Ministros a ampliación de cidades con zona de gran afluencia turística (ZGAT) e con elas a ampliación de horarios comerciais. Entre as cidades incluídas atópase A Coruña, que deberá delimitar polo menos unha zona de gran afluencia turística no prazo máximo de 6 meses. Desde a Federación Galega de Comercio considérase que esta medida non contribúe ao incremento de vendas e emprego e que é inoportuna para o comercio no actual contexto económico, que leva ao comercio a unha situación de desvantaxe competitiva respecto doutros formatos comerciais.
Pensar que por abrir unhas horas máis os comercios, van vir máis turistas ou van aumentar as compras que fan é simplista e supón un gran prexuízo para o comercio de proximidade. Apostamos decididamente polo binomio “turismo-comercio”, pero o turismo que chega a España segue sendo maioritariamente de sol e praia, aínda non é destino principal de compras. Así mesmo, pola experiencia previa coas zonas de Gran Afluencia Turística xa existentes en Galicia (Tui e Baiona) (698 zonas GAT en 530 municipios en toda España) sabemos que non lograron nin mellorar as vendas nin o emprego, nin atraeron turistas. Ademais, segundo Turespaña, as compras que fan os turistas estranxeiros no noso comercio supoñen unha baixa porcentaxe (como media menos do 4%) do seu gasto total, o que fai que os comerciantes non vexan compensados os custos derivados dunha apertura excepcional en canto a horas e festivos.
En 2012 o gasto diario en compra de bens no comercio minorista de turistas estranxeiros é de 6,5€ si vén sen paquete turístico, e, en 2,8€ diarios si vén con paquete pechado. Como os turistas que entran con paquete pechado representan unha alta porcentaxe, moitas das cidades máis turísticas -por ex. ás que chegan os cruceristas- non incrementan as súas vendas comerciantes minorista. Destacar que a Comunidade de Madrid, a pesar de contar con liberdade absoluta de horarios comerciais, foi unha das rexións que perdeu máis turistas estranxeiros en 2013, cunha caída porcentual de 5,3 puntos. Con todo, destinos tradicionais de sol e praia con menor liberdade de horarios comerciais, como a Comunidade Valenciana, sitúase como o destino que experimenta a mellor evolución recibindo un 11,4% máis de turistas en 2013 respecto de 2012.
O comercio de proximidade é un elemento estratéxico que contribúe á mellora da sustentabilidade social, económica e ambiental das cidades. Ofrece calidade, profesionalidade e proximidade. Neste momento, isto é incompatible coa liberalización de horarios comerciais. A súa extensión pon en risco o actual modelo comercial de equilibrio entre formatos e diversidade na oferta, e quizais, primeiro habería que decidir si é iso o que se quere para un sector que achega o 16% do PIB e máis de 100.000 postos de traballo na nosa Comunidade.
Galicia conta cun horario comercial suficiente para cubrir as necesidades do turismo, xa sexa de interior ou de costa. Os horarios actuais xa garanten suficientemente a demanda deste tipo de consumidores sen ter que recorrer a máis horas ou días de apertura. Iso demóstrase polo feito de que a maioría dos produtos que os turistas adoitan demandar -souvenirs, prensa, revistas e artigos puntuais para cubrir a súa estancia- xa se atopan nos comercios que gozan de liberdade horaria.











