A Coruña súmase ao proxecto Wallpeople no que participan 45 cidades de todo o mundo
A Concellaría de Mocidade trouxo á cidade o proxecto Wallpeople, no que participan o vindeiro sábado, 7 de xuño, un total de 45 grandes urbes de todo o mundo, como París, Barcelona, Cidade de México, Dublín ou Toronto. A iniciativa ten como obxectivo converter a artistas anónimos nos verdadeiros protagonistas de galerías ao aire libre.
Nesta nova edición, A Coruña adhírese ao proxecto, que se desenvolverá na praza do Papagayo, número 3, o vindeiro sábado desde as 18.00 ás 20.30 horas. Cidadáns anónimos exporán as súas creacións, que nesta ocasión terá como temática a natureza (a súa evolución, o mundo animal e vexetal, a súa beleza, ou as relacións humanas).
A organización de Wallpeople acepta todos os formatos que poidan exhibirse nunha parede, como fotografía, ilustración, texto, collage, tea, obras con plantas ou composicións de diferentes materiais. Os artistas poderán intercambiar as súas obras ao final da exposición.
Wallpeople é un proxecto de arte colaborativo nado en 2009 en Barcelona co obxectivo de fomentar a creatividade e reivindicar o espazo público como medio de expresión e interacción cidadá. Na pasada edición participaron máis de 9.000 persoas de 40 cidades. Nesta ocasión, a lista de cidades confirmadas xa alcanza as 45.











