A Selección Galega de Recorridos de Caza con Arco participará na feira FECAP 2014 con exhibicións dos seus equipos masculino e feminino
A I Feira de Caza, Pesca e Natureza, FECAP 2014, a cal terá lugar do 12 ao 15 de xuño de forma paralela á 37ª Semana Verde de Galicia, contará cun gran número de actividades nas que a caza con arco terá un papel destacado.
Dentro da súa programación os visitantes do certame poderán desfrutar de sendas exhibición das seleccións masculina e feminina da Federación Galega de Caza na Modalidade de Recorridos de Caza con Arco.
A estas sumaranse outras moitas demostracións, de preparación e montaxe de postos de espera camuflados no chan (Blinds), de montaxe e tiro dende postos portátiles elevados (Treestands), de caza con arco sobre diana de xabaril simulado en movemento, e de tiro con arcos tradicionais e frechas montadas con plumas flu-flu (de disparo rápido e corto recorrido) tanto sobre brancos que imitan o voo das aves como outros que o fan das carreiras de coellos.
Ademais en FECAP 2014 poderase ver tamén unha gran exposición de material para a práctica de caza con arco. Dispoñible todos os días do certame, esta estará conformada por distintos tipos de arcos (de iniciación, polea, tradicionais de madeira, etc), de frechas (de madeira, aluminio, carbono, helicoidais, etc) e de puntas de frecha (de impacto, de goma, para caza maior e menor, etc). Así mesmo, a mostra contará con complementos empregados nesta modalidade cinexética, como roupa de camuflaxe, guantes, gorros ou mochilas.
Por outra banda, o Club Cazarco, organizador deste programa de actividades xunto coa Federación Galega de Caza, ofrecerá aos visitantes información sobre regulamentación, formación e práctica da caza con arco en Galicia.











