O filial do Azkar Lugo acusou as baixas e o cansazo no tramo final ante o Noia
O Azkar Lugo B non puido sacar nada positivo do choque que lle enfrontou o pasado sábado ao Noia FS (2-5). Os lucenses, que foron a remolque todo o partido tras ver como o seu rival lle endosaba un doloroso 0-4 en 14 minutos, intentaron no segundo periodo a heroica, chegando a colocarse a só dous tantos dos coruñeses, pero a falta de rotacións por lesión e expulsións condicionaron o final do partido dos lucenses.
O inicio do choque foi de clara cor visitante. Así aos tres minutos de partido os de Noia xa se adiantaban co primeiro tanto do choque e dous minutos máis tarde xa mandaban 0-2. Intentaba reaccionar o filial do Azkar, pero cando buscaba o seu gol, atopábase en dous minutos con dous novos goles visitantes, que supoñían o 0-4. Ademais no cuarto tanto os locais perdían a Manu por dobre amarela e os azuis xogaban cun menos, logrando non encaixar gol nos dous minutos de inferioridade. Na recta final Costoya faría o 1-4 para o Azkar B e daba esperanzas aos seus.
No segundo periodo os lucenses foron mellores, pero acabaron notando o cansazo pola expulsión e ademais que perdera por lesión a Miguel. Aínda así Javi Río colocaría o 2-4 con moito partido por xogarse e ademais os lucenses amosábanse mellores que os brancos neste segundo acto, pero as súas ocasións non atopaban o camiño do gol. Na recta final do choque, co Azkar B envorcado sobre a meta do Noia FS, chegaría un gol polémico, o do 2-5, que Illi sacaba baixo paus pero que os árbitros daban por bo. Nas protestas do meta lucense, este era expulsado por dobre amarela polo que o Azkar Lugo B perdía a un novo xogador e ao quedarse en inferioridade xa non podía facer o porteiro-xogador.
Ficha técnica:
Azkar Lugo B 2: Illi, Manu, Cabanas, Cancio e Javi Río, -cinco inicial-, Cristian, Asier, Porto, Costoya, Miguel e Nacho.
Noia FS 5: Carlos, Oscarín, Marci, Álex e Diego Pernas, -cinco inicial-, Quique, Marquitos, Pepe, Adrián, Romario e Charly.
Árbitros: Sierra Márquez e Roldán Pérez (Pontevedra). Amonestaron con tarxeta amarela a Cabanas e Porto (Azkar B) e a Óscarín (Noia). Expulsaron por dobre amarela a Manu e Illi (Azkar B).
Incidencias: 12ª xornada de liga no grupo I da 2ª división B. Palacio Municipal dos Deportes de Lugo.
Goles: 0-1 min. 3 Álex, 0-2 min. 5 Marci, 0-3 min. 13 Quique, 0-4 min. 14 Charly, 1-4 min. 17 Costoya, 2-4 min. 23 Javi Río e 2-5 min. 38 Álex.
O Azkar Lugo B pecha o 2013 visitando o Pavillón Municipal Alba de Tormes este sábado a partir das 16:00 horas para enfrontarse ao Albense.











