A racionalización do gasto en alugueiros da Delegación Territorial da Xunta na Coruña supuxo un aforro de 162.500 euros
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, fixo esta mañá balance do primeiro ano de lexislatura no relativo á Delegación do Goberno galego na provincia, no que destacou a continuidade no aforro do gasto corrente, seguindo a liña de austeridade fixada polo Executivo autonómico que preside Alberto Núñez Feijóo. Nos últimos doce meses, o aforro no departamento territorial foi de 162.448 euros, grazas ás actuacións levadas a cabo para racionalizar os gastos en alugueiros e parque móbil, fundamentalmente.
No tocante aos gastos do parque móbil, neste período seguiuse a liña descendente iniciada na etapa anterior. Así, neste último ano o aforro acumulado foi de 33.909 euros, rexistrándose unha baixada nos custes de desprazamento todos os meses deste 2013 respecto ao mesmo período do ano anterior, agás en xullo, cando se produciu un lixeiro repunte motivado polo accidente ferroviario de Angrois que propiciou unha inusual mobilización de recursos, fundamentalmente no eido da Xustiza (Imelga, xulgados, etc). Boa parte desta rebaixa débese ao reforzo do uso do parque móbil propio no eido xudicial reducindo a utilización de taxis.
En canto a redución do gasto corrente, esta veu motivada en boa parte pola reorganización dos servizos e a supresión de alugueiros. Este ano culminaron as negociacións coa Subdelegación do Goberno para o traslado das oficinas do Goberno estatal que estaban localizadas no edificio administrativo da Xunta en Monelos. A medida permitiu concentrar no mesmo inmoble algúns dos servizos que o Executivo autonómico tiña espallados pola cidade.
Deste xeito, no último trimestre deste ano produciuse a reubicación das dependencias de Augas de Galicia na cidade desde as oficinas que o servizo tiña arrendadas na rúa Menéndez Pelayo. O aforro desta actuación é de 45.612 euros anuais de gastos de alugueiro e de limpeza.
Este mesmo mes tamén se ultimou o traslado dos 26 traballadores dos servizos de Cultura (Patrimonio, Persoal e Habilitación, Depósito Legal e Rexistro da Propiedade Intelectual) desde Durán Loriga e Linares Rivas ao edificio dos Novos Ministerios. Por unha banda, o espazo liberado en Durán Loriga, onde xa se atopan as oficinas do Sergas, permitiu iniciar o traslado para alí dos 127 traballadores dos servizos de Planificación, Aseguramento e Ordenación Sanitaria, así como o de Xestión e Alertas Epidemiolóxicas localizados no edificio de Sanidade da rúa Gregorio Hernández. Só a Unidade de Exploración do Cáncer de Mama moverase para o hospital Abente y Lago e, de momento, o 061 permanecerá no antigo edificio. Neste caso, o aforro de gasto corrente sitúase nos 32.307 euros anuais.
Ademais, a negociación coas empresas que acometen o mantemento dos centros que dependen da área de Cultura –Biblioteca González Garcés, Arquivo do Reino de Galicia, Museo de Belas Artes, Biblioteca Ánxel Casal e Museo das Peregrinacións- permitiu unha rebaixa dos custos de 35.895 euros anuais.
Por outra banda, nas vindeiras semanas tamén está previsto detallar o traslado dos traballadores da base operativa de Gardacostas da Coruña, agora en Linares Rivas, á sede que Portos de Galicia ten na avenida de Alférez Provisional. Aforraríanse, deste xeito, máis de 14.725 euros anuais en concepto de gastos de comunidade –pois o inmoble porase á venda-, garaxes e luz.
Os datos presentados, segundo destacou Do Campo, avalan que o modelo da estrutura periférica polo que apostou a Xunta en 2009 está plenamente consolidado e desde a súa implantación permitiu unha redución dos custes de funcionamento da delegación da Coruña de preto de seis millóns de euros. Pero o reagrupamento das diferentes oficinas non só está a producir beneficios económicos, senón que –sinalou a delegada- permite facilitar o traballo dos empregados públicos e incrementar a calidade do servizo aos administrados. “Lonxe de producir unha diminución de servizos, está a repercutir nunha maior eficacia e eficiencia no funcionamento da delegación, nun aforro para as arcas públicas e nunha mellora na atención que se presta aos cidadáns”, comentou a máxima representante do Goberno galego na provincia.
Actividade da delegada territorial
En relación á actividade da propia delegada, Do Campo subliñou o elevado número de reunións mantidas todas as semanas ao longo destes doce meses con alcaldes, concelleiros, asociacións cidadás, entidades sociais, de discapacitados, ANPAS, grupos de acción local e colectivos profesionais, como autónomos, comerciantes, mariscadores, etc. Ademais, visitou practicamente o 100% dos 93 concellos da provincia, realizando un intenso traballo de enlace entre a Administración e os administrados para a resolución dos conflitos e problemas e posta en marcha de novos proxectos. A isto engádense as visitas a centros escolares, feiras, exposicións, concentracións parcelarias, prazas de abastos, obras e toda a variedade de actos institucionais que conformaron a axenda da delegación, así como o acompañamento dos diversos conselleiros e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas súas comparecencias e visitas.
Especial relevancia tivo tamén o seguimento dos proxectos medioambientais realizados nos concellos a través do Fondo de Compensación Ambiental –o canon eólico-, que na provincia supón un investimento de máis de 2,85 millóns de euros anuais, ou aqueles traballos levados a cabo a través do Plan Ágora-Agora Re-comercia para dinamizar o tecido comercial das distintas vilas e localidades, que no 2013 está a destinar 1,5 millóns de euros aos municipios da Coruña.
Importante pulo aos proxectos da Xunta na provincia
Sobre o balance da actividade da Xunta na provincia no último ano, a delegada territorial debullou aqueles proxectos que neste tempo recibiron un pulo importante. Entre eles, destacou o desbloqueo, a través das negociacións con Patrimonio, das obras do aparcamento do Parrote e a sinatura do convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas, o Ministerio de Fomento e o Concello da Coruña para a construción da vía subterránea Marina-Parrote, á que a Axencia Galega de Infraestruturas destinará en 2014 3,5 millóns de euros.
En materia de infraestruturas, no mes de xullo entrou en funcionamento a Vía Ártabra e, nese momento, o propio Núñez Feijóo adquiriu o compromiso de comunicala co porto de Lorbé e proseguir esa unión a través de Cambre coa AP-9. Este 2013 tamén foi o inicio das obras da glorieta de Sabón, que estará rematada en 2014, así como o estará o tramo autonómico da Terceira Rolda, que nos últimos meses recibiu un grande impulso.
Nestes últimos meses do ano tamén se iniciou o proceso de información pública das obras proxectadas por Augas de Galicia para desenvolvemento da primeira fase do abastecemento da área metropolitana da Coruña desde o lago artificial de Meirama.
Estes doce meses tamén foron, segundo indicou a delegada, os da ampliación e consolidación definitiva do transporte metropolitano nas área da Coruña, Ferrol e Santiago. A Xunta salienta o éxito do plan desde a súa posta en marcha, que fixo que no caso da Coruña se superaran os 22 millóns de viaxes desde a súa implantación cun crecemento anual do 10%. Tamén o número de concellos adheridos ao plan sigue medrando: O Goberno galego implantou no mes de xaneiro este servizo nos concellos da Laracha, Cerceda e Oza-Cesuras, no caso da Coruña, e en Rois e Negreira, no de Santiago, e aprobou tamén a incorporación hai poucas semanas de Miño, que será o primeiro concello que forme parte de dúas áreas de transporte –A Coruña e Ferrol-.
Culminouse o proceso da primeira fusión de municipios impulsada pola Xunta
En canto á organización territorial, no mes de xuño pasado culminou o proceso que deu como resultado a primeira fusión voluntaria entre concellos de Galicia impulsada desde a Xunta, nacendo o municipio de Oza-Cesuras. Neste senso, Do Campo destacou a importancia do camiño aberto no debate sobre a necesidade de sumar esforzos entre os concellos para gañar en eficiencia e reducir custes. “Neste último ano vimos observando un cambio de mentalidade no eido local, onde cada vez se aposta máis polas sinerxias”, indicou a delegada territorial.
Esta tendencia reflíctese nas distintas convocatorias de subvencións do Goberno galego, ás que cada vez máis os concellos acoden agrupados. Un dos exemplos máis significativos é a dos obradoiros de emprego. En 2012, tan só seis destas 15 actividades mixtas de formación e emprego se levaron a cabo a través dalgunha agrupación de municipios –un 40% do total, se ben neste 2013 xa foron 11 de 17 –un 65% do total-.
Neste período tamén se observa unha consolidación de unións estables de concellos, como as formadas por Irixoa, Aranga, Monfero e Vilarmaior; Frades e Mesía; Santa Comba, Negreira, A Baña e Val do Dubra; Padrón, Rois e Dodro; e Ribeira, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal e Rianxo, que de xeito habitual concurren agrupados ás convocatorias de axudas.
Por outra banda, tamén se licitaron os traballos da Fábrica de Tabacos para convertela en nova sede xudicial. Espérase que nos vindeiros días se adxudique o proxecto, co fin de iniciar a principios de 2014 as obras que permitirán recuperar o emblemático edificio para albergar a sede da Audiencia Provincial, a Fiscalía, dous xulgados, despachos, oficinas e un arquivo e cubrir as necesidades da comarca para as próximas dúas décadas. O investimento nesta actuación será de 20 millóns de euros.
Un dos feitos que marcou a xestión do Goberno galego na Coruña e na súa área de influencia foi a realización no mes de novembro do simulacro do Plan de Emerxencia Exterior do Polígono Industrial da Grela-Bens, o primeiro exercicio deste tipo que se fixo en Galicia, e que congregou a máis de 200 efectivos de emerxencias traballando conxuntamente.
En canto a Educación, a delegada territorial explicou que no que vai de 2013 xa se levan investido 2,73 millóns de euros en traballos de mantemento e reparación dos centros escolares da provincia, que se suman aos 2,18 millóns que se destinaron a este fin o ano anterior. Na comarca da Coruña hai que destacar que se desbloqueara o proxecto da nova escola de Educación Infantil de Betanzos, xa en obras e cun investimento de 2,3 millóns e euros, e a ampliación do CEIP Sada y Sus Contornos, de Sada, a punto de licitarse. Tamén se lle dou luz verde á construción do novo colexio de Nós, en Oleiros, e á ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, da Coruña.
Aposta polos servizos sociais e sanitarios
No tocante á sanidade, a delegada recordou que seguen a avanzar as obras de ampliación da área de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, incluídas na segunda fase do plan director do Chuac, que permitirán multiplicar por catro a superficie actual. Está previsto que a principios do 2014 entren en funcionamento as novas instalacións. “Con esta actuación, o hospital gañará capacidade para dar resposta ás necesidades asistenciais da súa área de influencia e, ao mesmo tempo, facilitarase aos profesionais o desenvolvemento da súa actividade de maneira confortable, segura e saudable”, argumentou. Ademais, licitáronse as obras para construír sete novos centros de saúde na provincia: Arteixo, Cambre, Culleredo, Ares, A Capela, Santiago e Buño, que estarán rematados antes do 2015.
En materia de emprego, por outra parte, a Consellería de Traballo está a facer unha importante aposta para promover a contratación por parte dos concellos de traballadores desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social. Así, aparte dos 17 obradoiros de emprego programados, neste 2013 destináronse 2,73 millóns de euros á contratación de 735 persoas nos 93 municipios coruñeses.
Pero neste eido, tamén cobra especial relevancia a formación aos parados, que a Xunta de Galicia desenvolve a través das Accións Formativas a Desempregados (AFD) fundamentalmente. No presente exercicio, estes cursos chegaron a 3.161 alumnos, que participaron en 264 destas actividades, ben a través dos concellos ou ben a través de entidades. O investimento neste caso foi de case cinco millóns de euros.
Por último, Do Campo non quixo esquecer a importante aposta feita polo Goberno galego polos servizos sociais. Na provincia abríronse este ano dúas novas escolas infantís para nenos de 0 a 3 anos da rede Galiña Azul en Arteixo e Curtis, que permitirán favorecer a conciliación entre as familias. Así, a oferta de prazas na provincia da Coruña sitúase nas 3.272. En canto a centros de día, nas últimas semanas a Consellería de Traballo e Benestar inaugurou o do concello de Lousame, ao que se destinou un investimento de 700.000 euros.
Ademais, nos orzamentos aprobados para 2014, o Executivo de Núñez Feijóo destina oito de cada dez euros a servizos sociais. “Trátase de evitar que os efectos da crise recaian sobre os máis débiles”, indicou a delegada, que apuntou que proba deste esforzo son as axudas aprobadas por Benestar dirixidas a máis de 40 entidades que traballan a prol da inclusión social, que recibirán achegas por importe de 1,62 millóns de euros na provincia. Estas subvencións buscan axudar a estas organizacións financiando o mantemento da súa actividade de atención ás persoas en risco de exclusión.
Ademais das subvencións a entidades, a Consellería de Traballo e Benestar mantivo en 2013 o importe da Renta de Integración Social de Galicia (Risga) na Coruña, destinando máis de 10 millóns de euros na nosa provincia. Esta partida figura como crédito ampliable nos orzamentos, co propósito de que ninguén que necesite esta axuda, e sempre que cumpra cos requisitos, quede sen percibila. De igual modo, o Goberno galego concedeu Axudas de Emerxencia Social (AES) por importe de 400.000 euros. Na actualidade, estase a atender a 2.800 perceptores.
Cabe destacar que o Parlamento galego acaba de aprobar a nova Lei de inclusión social de Galicia, que permitirá articular unha nova Risga e potenciará a inserción laboral, para evitar a cronificación destas situacións. Unhas das principais novidades desta Lei é que se articulará unha nova Renda de Inclusión Social de Galicia –a palabra “integración” da denominación orixinal pasara a ser “inclusión”- que será a partir de agora flexible e modular. Co fin de potenciar especialmente a inclusión laboral, dividirase en tres tramos distintos: o persoal e familiar; o de inserción; e o de transición ao emprego.
Ademais, a nova norma regulará tamén outros aspectos como as axudas de emerxencia social (AES), que agora pasan a denominarse Axudas de inclusión social (AIS). Neste senso, é preciso destacar que as futuras AIS estarán destinadas, non só como ata o de agora, a sufragar situacións de grave emerxencia, senón que financiarán tamén actuacións de acompañamento ou reforzo de carácter excepcional vinculadas ás medias de apoio dos diferentes tramos da Renda de Inclusión Social de Galicia. Para favorecer a súa eficacia, as persoas perceptoras destas axudas vincularanse a proxectos de traballo social ou socio educativos desenvolvidos desde os servizos sociais comunitarios, que se responsabilizarán do seu seguimento.











