O órgano provincial mostra o seu apoio ao Fórum Gastronómico da Coruña
O Fórum Gastronómico terá lugar en Expocoruña o 23, 24 e 25 de febreiro do 2014 e servirá como punto de encontro dos mellores cociñeiros de España, así coma de escaparate dos chefs máis importantes de Galicia. Ademais das actividades propias da feira, durante toda unha semana estará en marcha na Coruña o FórumCiudad, no que se involucrará ao sector hostaleiro local.
“A Deputación definiuse sempre por ofrecer o seu respaldo aos proxectos e iniciativas dos concellos da nosa provincia e, moito máis, cando estes teñen un carácter dinamizador e traen consigo grandes beneficios para os nosos veciños”, explicou Padín, para despois engadir que este Fórum Gastronómico “é un bo exemplo, xa que A Coruña será o centro gastronómico e principal escaparate do sector durante os días nos que se celebre este evento”.
A vicepresidenta asegurou que este evento “é unha grandísima oportunidade que nin a cidade da Coruña, nin o Concello, nin a Deputación poderiamos deixar escapar”. A anterior edición que tivo lugar na provincia coruñesa, celebrada en Santiago no ano 2012, recibiu a visita de 15.000 persoas.











