publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

126 deportistas galegos e galegas de alto nivel benefícianse da prórroga de seis meses do recoñecemento DGAN

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaGalicia
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar no día de hoxe a resolución do 2 de abril de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se prorroga o recoñecemento de deportistas galegos e galegas de alto nivel. Esta prórroga será efectiva para os expedientes nos que se produza a perda da súa vixencia durante o ano 2020, ampliando a súa vixencia seis meses desde a data do vencemento. Deste xeito mantense a consideración de alto nivel así como os beneficios que para tal consideración se atribúan. En total, 126 deportistas galegos de alto nivel benefícianse desta medida sendo 74 homes, 52 mulleres e 2 deportistas con discapacidade.

A actual situación provocada polo COVID-19 obrigou á adopción de medidas temporais de carácter extraordinario para previr e conter o virus e mitigar o impacto sanitario, social e económico. No momento actual, toda actividade deportiva está suspendida, e esta afecta especialmente aos deportistas de alto nivel no que atinxe á tramitación de novas solicitudes para a prórroga do recoñecemento, así como da obtención dos méritos deportivos necesarios para este.

Con esta resolución, a Secretaría Xeral para o Deporte cumpre o trasladado ás 58 federacións deportivas no comunicado remitido o pasado 27 de marzo nunha serie de medidas encamiñadas a adoptar solucións que minimicen os prexuízos que o confinamento decretado tras a declaración do estado de alarma por mor do coronavirus poida ocasionar no desenvolvemento da actividade deportiva autonómica.

Cómpre lembrar que o enderezo electrónico (incidencias-federacions.deporte@xunta.gal) segue a funcionar para as consultas estritamente deportivas como consecuencia da situación de COVID-19.

16 de abril de 2020 | 14:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.