publicidade hoxe

Fiscais e maxistrados da Unión Europea de intercambio en Galicia coñecen a formación que recibe a policía local na Agasp

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+

O director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, recibiu onte a participantes no intercambio entre autoridades xudiciais da Unión Europea de estadía en Galicia que visitaron as instalacións da Academia de Seguridade Pública (Agasp). Fiscais e maxistrados procedentes de Francia e Portugal puideron coñecer como se leva a cabo a formación dos policías locais na Agasp e de que maneira se transmite aos axentes as normas derivadas das directivas de Unión Europea.

Os participantes no programa da Rede Europa de Formación Xudicial (EJTN nas súas siglas en inglés) tiveron ocasión de coñecer tamén as instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE 112), que comparte sede coa Agasp. A visita coincidiu coa inauguración na Agasp do curso superior de Actuación práctica ante os tribunais para axentes da Policía Local, da Policía Autonómica, da Policía Nacional con destino en Galicia e da Garda Civil, unha formación de 100 horas lectivas que precisamente imparten xuíces e fiscais. Trátase dun dos dous cursos superiores que inclúe o plan de formación continua da Agasp do último cuadrimestre xunto con outro en materia de urbanismo, medio ambiente e protección do patrimonio.

O plan da formación continua para o persoal da policía local que se imparte ata final de ano conta cun total 42 actividades que suman preto de 700 horas de formación para máis de 900 prazas. Destacan cursos en materias comúns como tráfico e seguridade viaria con formación novidosa relacionada coa mobilidade persoal ou a investigación de atropelos. Tamén haberá formación específica en materia de menores que abranguerá todos os ámbitos de intervención. Nesta convocatoria tocaranse ademais por primeira vez materias como a aporofobia, o edanismo ou os métodos de intervención policial en trastornos de desenvolvemento infantil.

Por outra parte, a Agasp publicou a principios de setembro a convocatoria de 60 cursos presenciais de 12 horas que se levarán a cabo ata final de ano descentralizados en 40 concellos galegos e dirixidos a axentes de policía local sobre como levar a cabo unha primeira intervención ante situacións de violencia de xénero. Esta iniciativa desenvolverase en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade ao abeiro das actuación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

17 de setembro de 2019 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.