publicidade hoxe

Anxo Lorenzo destaca a necesidade de implicar á cidadanía nos procesos culturais na inauguración de ‘Colectiva dun colectivo’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia
A-
A+

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe no CGAC á inauguración da exposición Colectiva dun colectivo, realizada a partir das achegas de veciños, colectivos cidadáns e particulares da cidade de Santiago de Compostela. A mostra é resultado do proxecto Na Varanda, unha iniciativa destinada a empoderar o público como produtor cultural empregando a ferramenta do comisariado artístico co fin de favorecer o encontro e o diálogo entre a veciñanza e o museo.

Durante a inauguración no Espazo de Proxectos do CGAC, o representante da Xunta salientou a necesidade de que a cidadanía sexa “un axente máis dos procesos culturais”, propoñendo e creando contidos que formen parte da programación museística.

No marco da iniciativa Na Varanda, as persoas participantes mergulláronse durante sete meses no proceso que implica a posta en marcha dunha exposición en canto a súa creación, a súa produción e a coordinación de todas as áreas museísticas implicadas, co obxectivo de presentar a súa propia mostra de arte a partir de obras da Colección CGAC. O proxecto contou coa dirección de Candela Rajal e Rebeca Mariño.

A selección de pezas da exposición configúrase arredor dos conceptos do espello e a diferenza e ten como obxectivo convidar ao público a realizar un percorrido persoal polos seus distintos elementos. A mostra pode visitarse ata o día 1 de setembro no espazo de proxecto do CGAC.

5 de xullo de 2019 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.