publicidade hoxe

A Xunta fomenta a difusión da vida e obra de Antonio Fraguas cun convenio de colaboración coa súa fundación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Justo Beramendi, asinaron un convenio de colaboración para a difusión, estudo e preservación da obra do escritor galego. En virtude deste acordo, ambas partes colaboran na realización do programa de actuacións orientadas a promover a obra do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, así como a dar continuidade ao labor realizado por el nos distintos eidos da vida literaria, social e cultural galegas.

Deste xeito, inclúe a creación da páxina web da fundación, a realización de traballos preparatorios para a edición da obra de Antonio Fraguas, e a elaboración dun proxecto didáctico encamiñado á difusión e investigación do patrimonio etnográfico, antropolóxico, xeográfico, histórico e artístico de Galicia, que ten como destinatarios aos centros escolares da Comunidade. Ademais, coordínanse unha serie de actuacións entre as que destacan a exposición sobre a vida e obra de Fraguas, un simposio homenaxe e accións específicas do Departamento do Educación e Acción Cultural do Museo do Pobo Galego (DEAC) arredor da súa figura.

Ao abeiro deste convenio, os fondos documentais da fundación que pasen a constituír a biblioteca e arquivo poderán ser accesibles de maneira gratuíta, a estudosos e investigadores da obra de Fraguas.

A Consellería de Cultura e Turismo achega 15.000 euros para a realización das actividades anteriormente citadas e previstas no convenio, que estará vixente ata o 30 de novembro de 2019.

5 de xullo de 2019 | 11:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.