publicidade hoxe

Galicia aposta por incrementar as vendas da agroalimentación no mercado mexicano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través das consellerías de Economía, Emprego e Industria e Cultura e Turismo, está a acompañar estes días na cidade mexicana de Guadalaxara á delegación galega participante na Feira Expo Antad & Alimentaria, un evento que é o referente do sector agroalimentario no continente americano e no que se dan cita 1.900 expositores de máis de 30 países.

A través de showcookings e catas deseñadas especialmente para o evento, as empresas galegas están a amosar os seu produtos aos profesionais do sector en México, mentres manteñen axendas individuais de negocio tanto con cadeas asociadas á Asociación Nacional de Tendas de Autoservizo e Departamentais (Antad) como con compañías compradoras do país centroamericano. Ademais, a Escola Culinaria Internacional de Guadalaxara acolleu a celebración do cóctel inaugural “Galicia Sabe”, onde o cociñeiro galego Alberto Lareo sorprendeu aos convidados cun menú no que se empregaron os alimentos e bebidas da marca Galicia presentes na feira.

Na misión conxunta, ademais da Xunta, participan a Cámara de Comercio da Coruña, as empresas alimentarias galegas Conversas Portomar, Conservas La Brújula, Cooperativa vitivinícola arousana, Viña Costeira, Viña Moraima, Martín Códax, Agro de Baxán, Terra de Asorei, Orballo Innovaciones Forestales, Grupo Coren e Torre de Nuñez, así como Anfaco-Cecopesca e o Consello regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. Conta cun pavillón propio, dentro da área dedicada a España, no que se mostra unha representación de alimentos e bebidas galegos como as conservas e os viños das D.O. Rías Baixas e Ribeiro.

No pasado ano, 90 empresas da industria da alimentación exportaron ao país mexicano, do total das 1384 do sector que venderon os seus produtos ao exterior. Destas, case a metade, 663, exportan regularmente, é dicir, fixérono de forma consecutiva durante os últimos catro anos.

Paralelamente a este evento e tamén mediante o plan Foexga, outras once empresas galegas dos ámbitos da alimentación, madeira, metalmecánico, tecnoloxía e dos servizos están participando nunha misión comercial multisectorial ao país mexicano ata o vindeiro 9 de marzo co obxectivo de reforzar a presenza dos seus produtos neste mercado.

6 de marzo de 2019 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.