publicidade hoxe

Medio Ambiente investirá 175.000 euros en mellorar e crear novas infraestruturas urbanas en catro municipios ourensáns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará cos concellos ourensáns de Vilariño de Conso, Taboadela, Riós e A Gudiña na execución de varias actuacións de humanización de rúas e espazos públicos no marco do chamado Plan Hurbe. Así o comprometeu esta mañá a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, coa sinatura de catro convenios de colaboración cos rexedores destes municipios e en virtude dos cales a Xunta investirá en total 172.862,3 euros –o 70% do custo total das obras- mentres que o 30% restante correrá a cargo dos respectivos concellos.

Concretamente, no caso do Concello de Vilariño de Conso o proxecto ten por obxectivo habilitar unha pequena praza pavimentada, próxima á estrada que serve de acceso principal a Castiñeira, un pequeno núcleo de poboación que necesita dun espazo público para mellorar a calidade de vida e propiciar un lugar de encontro para os seus veciños. Esta nova praza unirase ao vieiro de entrada aplicando un mesmo tratamento de pavimentación a base de formigón impreso, de tal xeito que se cree un único espazo diáfano para uso e desfrute público e coas condicións necesarias para poder celebrar festas populares.

Así mesmo, tal e como se recolle na memoria da actuación, grazas a esta intervención na zona de Castiñeira favorecerase a circulación rodada dentro da localidade ao habilitar un novo espazo máis amplo e sen obstáculos para que os camións de abastecemento, os do servizo de recollida do lixo ou mesmo os autobuses de transporte colectivo poidan manobrar con facilidade e comodidade. En total, o custo estimado desta actuación ascende a 95.812,91 euros, e segundo figura no convenio, a Consellería de Medio Ambiente aportará 67.069,04 euros e o Concello de Vilariño de Conso os 28.743,87 euros restantes.

Polo que respecta ás obras comprometidas en Riós, a actuación consistirá no acondicionamento de espazos públicos no lugar de A Veiga do Seixo, que atravesa o río Mente e actúa como fronteira natural entre Galicia e Portugal polo que se trata dunha zona pola que circulan frecuentemente numerosas persoas procedentes do país veciño.

Co fin de humanizar e dinamizar esta zona, a intención do concello consiste en acometer a pavimentación dunha rúa e dunha praza con solado de pedra granítica e pavimento continuo de formigón impreso para uso peonil. Así mesmo, a actuación tamén inclúe intervir sobre o mobiliario urbano da praza, coa colocación de catro bancos de madeira e papeleiras basculantes, e na iluminación, a través da colocación de luminarias a tres metros de altura. O importe estimado desta intervención é de 50.471,75 euros, cunha achega comprometida da Xunta de 35.330,23 euros, e por parte do concello de 15.141,52 euros.

En canto aos outros dous proxectos, no caso do convenio entre a Consellería e o Concello de Taboadela acometerase a renovación de 18 cadros eléctricos co fin de mellorar o alumeado público do municipio cun custo estimado de 61.236,25 euros –dos cales 42.865,38 serán aportados pola Xunta e 18.370,87 pola entidade local-; e no caso da Gudiña, os traballos previstos consistirán na rexeneración do firme no núcleo de San Lourenzo, unhas obras para as que se mobilizarán 39.425,22 euros: 27.597,65 euros con fondos da Consellería e 11.827,57 euros con financiamento municipal.

Unha vez contratadas todas as obras, o prazo de execución previsto é de dous meses, salvo no caso da actuación programada no Concello de Vilariño de Conso, cunha duración estimada dos traballos de tres meses. Deste xeito, o obxectivo é que as catro actuacións estean rematadas e xa en servizo antes do próximo verán.

Actuacións no 40% dos concellos galegos

As catro actuacións comprometidas esta mañá en Ourense, enmárcase dentro dos obxectivos do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo proxectos e obras que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público e común.

De feito, grazas a este programa son xa 200 as intervencións executadas nun total de 125 concellos, o que significa que no período 2010-2018 a Xunta actuou case no 40% dos municipios de Galicia.

20 de febreiro de 2019 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.