publicidade hoxe

Os veciños do Valadouro xa gozan dun pavillón renovado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoO Valadouro
A-
A+
Vista do pavillón renovado

Vista do pavillón renovado

O Voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, e o Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda Maseda, supervisaron o remate das obras de mellora e renovación do pavillón deportivo deste municipio da Mariña Lucense, que financiou o Goberno da Deputación cunha achega de 40.000 euros. Este investimento permitiu levar a cabo a substitución parcial da cuberta, o arranxo dos canalóns de recollida de auga, o repintado da fachada; así como diferentes traballos de acondicionamento das instalacións interiores, como a renovación do alumeado e o arranxo dos vestiarios.

Santos Ramos subliñou que “hoxe é un día de satisfacción, pois Concello e Deputación damos resposta a unha demanda dos veciños e veciñas do Valadouro, ante a negativa da Xunta a financiar as obras, renovando unha infraestrutura pública municipal moi empregada, especialmente polos nenos e nenas desta vila, que empregan a diario o pavillón deportivo durante os recreos do colexio e para levar a cabo as actividades enmarcadas nas Escolas Deportivas”.

O Alcalde explicou que “dende o Concello presentamos un proxecto á Xunta de Galicia para optar a un plan de axudas que nos permitira acometer o arranxo desta infraestrutura, pero a nosa petición foi rexeitada. Ante a urxencia das obras, trasladamos esta demanda ao Goberno da Deputación, que de seguido se comprometeu a colaborar no financiamento dos traballos, permitindo incluso ampliar o proxecto inicial”.

Maseda Maseda apuntou que “o pavillón presentaba unha cuberta moi deteriorada. Había goteiras que dificultaban o correcto desenvolvemento das actividades e, por moito que tratáramos de arranxalas, non conseguíamos atallar o problema, por iso se procedeu á súa substitución. Ademais, coa axuda da Deputación arranxamos os canalóns que recollen a auga da choiva, pintouse a fachada exterior e, no interior do recinto, levamos a cabo a renovación do alumeado, o recrecido da pista, e o arranxo dos vestiarios”.

Arranxo dos vestiarios

O Alcalde explicou que “dos 40.000 euros que achegou a Deputación para o financiamento das obras, houbo unha baixa de contratación que nos permitiu realizar outros traballos de mantemento cos remanentes como pintar os vestiarios, poñer baldosas, azulexos, duchas, e tamén grazas ao convenio da Deputación logramos poñer en marcha unha demanda dos pais e nais das escolas deportivas porque cando veñen os nenos ao terminar a actividade deportiva e se van a duchar os vestiarios son moi fríos, entón puxemos en cada vestiario un proxector de aire acondicionado frío e quente, cunha bomba de calor independente para cada vestiario”.

Recrecido da pista e aforro enerxético

Por outra parte, levouse a cabo o recrecido da pista, posto que nestas instalacións tamén se leva a cabo o Campionato de Tiro con Arco, acadando unha anchura axeitada para a práctica desta modalidade deportiva. Ademais, tamén había outra zona pola que entraban os nenos (a parte antiga), onde se facían poceiras de augas o que levaba a que os rapaces se mollaran durante o tempo de lecer, unha situación que con estas actuacións se consegue solucionar.

Así mesmo, substituíronse as luminarias que había de 250 kw, cun consumo moi elevado, por luminarias led de baixo consumo, que desprenden un ton de luz máis agradable. Non en vano, unha fila completa de 5 lámpadas leds consumen entre todas o mesmo que unha luminaria das antigas.

Ampliación da actividade

O Rexedor subliñou que “a renovación do pavillón tamén permitirá ampliar a actividade deportiva do Concello. Non en vano, estes días chegounos a petición de uso das instalacións dun novo club de nenos que van a competir na Liga Galega de Alevíns de Fútbol Sala. Grazas á Deputación, agora podemos ofrecer a calquera asociación ou club que cree no Concello a posibilidade de usar un pavillón de calidade, que lles permita participar en ligas de maior nivel. Ao mesmo tempo que lle damos un pulo as Escolas Deportivas, coas que tamén colabora o organismo provincial, permitindo que sexan totalmente gratuítas para os alumnos do Valadouro”.

Máis de 100 usuarios diarios

Cómpre subliñar que 100 nenos e nenas empregan estas instalacións deportivas a diario durante os recreos do colexio do Valadouro. Ademais este espazo utilizase para levar a cabo diferentes actividades lúdicas e sociais como o Baile de Disfraces do Concello ou o Campionato de Tiro con Arco.

O Deputado de Relacións Institucionais engadiu que “dende o Goberno Provincial levamos achegado nos últimos dous anos e medio máis de 3 millóns de euros só na mellora de instalacións deportivas públicas e municipais. Facémolo dentro da nosa aposta pola promoción do deporte como elemento fundamental dentro dun estilo de vida saudable, e como transmisor de valores tan importantes entre os nenos e nenas como o compañeirismo. Ao mesmo tempo que dotamos aos veciños da provincia de infraestruturas públicas, buscando o asentamento no rural e permitindo a igualdade de oportunidades vivan onde vivan”.

11 de setembro de 2018 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.