publicidade hoxe

A Xunta achega 30.000 euros para a potenciación e mellora das infraestruturas turísticas do núcleo do Cebreiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoPedrafita do Cebreiro
A-
A+

A Xunta de Galicia achegará preto de 30.000 euros para potenciar e mellorar as infraestruturas turísticas do núcleo do Cebreiro, un dos espazos deste municipio que maior número de visitas recibe cada ano.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Goberno galego colabora coa administración local, a través dunha subvención de Turismo de Galicia, que permitirá desenvolver dúas actuacións moi necesarias: a mellora do pavimento de pedra das rúas interiores do pobo e a posta en valor da fonte pública da localidade.

Polo que respecta á primeira das actuacións, os traballos consistirán no rexuntado de cemento nas pedras do pavimento, que na actualidade, debido fundamentalmente ás inclemencias meteorolóxicas e ao seu uso, presenta certo deterioro nalgúns puntos. A medida contribuirá ao embelecemento da zona e á mellora da seguridade do tránsito peonil.

En segundo lugar, polo que respecta á recuperación da fonte pública do Cebreiro, trátase de mellorar esta construción tradicional, cunha superficie de planta e cuberta de 42 metros cadrados. Os traballos consistirán na limpeza e reposición dos distintos elementos da mesma, coas correspondentes reposicións, de ser preciso, en lousa, pedra natural e madeira de castiñeiro e tamén na colocación de iluminación ornamental.

O Cebreiro é un dos espazos turísticos máis importantes do Ancares polo número de visitantes que recibe cada ano, interesados en coñecer un pobo singular pola súa arquitectura e espectaculares recursos naturais e pola presenza das pallozas ou da igrexa prerrománica de Santa María.

26 de xullo de 2018 | 14:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.