publicidade hoxe

Fonseca acolle a exposición “Santiago, pintado” ata o 30 de abril, con ilustracións de Isabel Rey

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou esta mañá a exposición Santiago pintado, que se pode ver en Fonseca dende o pasado 15 de marzo e ata o 30 de abril. Na rolda estiveron tamén a súa artífice, a pintora Isabel Rey; o director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro, e a investigadora Natalia Conde.

A exposición está formada por 15 pinturas a tamaño grande que amosan os recunchos de Compostela. Tal e como destacou Manuel Dios, “cun dobre enfoque, a educación patrimonial e a educación artística”, converténdose nunha iniciativa que “pretende desbordar os marcos da educación regrada”. A iniciativa é resultado da colaboración entre o Concello e a Universidade e conta cos textos de Natalia Conde, Juan Coira e Carlos J. Galbán, ademais do deseño de Fernando Cortizo.

Santiago Pintado pretende contaxiar o pracer de debuxar do natural. Os cadros e bosquexos servirán de escusa, pois tomando a cidade de Santiago como eixo temático, intentarase reflectir unha visión diferente das xa manidas fotos dos soportais e da pedra mollada. A intención é ofrecer un novo enfoque que resalte lugares que normalmente pasan desapercibidos. Ademais, crearase un blog a través do cal se abarquen distintos puntos de análise. En palabras da autora, Isabel Rey, “trátase dun proxecto aberto que vai máis alá do 30 de abril e terá continuidade nos propios centros educativos a través dos debuxos dos escolares”.

Pablo Sampedro definiu este proxecto como “unha iniciativa fermosa para unha Compostela ben bonita”, ao tempo que a investigadora e autora dalgúns dos textos, Natalia Conde, fixo un percorrido pola historia dalgúns dos recunchos inmortalizados na exposición. Estará dispoñible para visitar no Pazo de Fonseca ata o vindeiro 30 de abril.

20 de marzo de 2018 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.