publicidade hoxe

A Xunta mellorará os recursos sociais de Cerdedo-Cotobade coa creación dunha nova residencia de maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobadeLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio. Foto: X. Crespo

Sinatura do convenio. Foto: X. Crespo

A Xunta de Galicia investirá 1,7 millóns de euros entre o actual exercicio e o de 2020 na construción dunha nova residencia pública para persoas maiores no municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. O vicepresidente autonómico e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela, asistiu esta mañá á firma do convenio de colaboración entre o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o presidente da Xunta Xestora de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela López, para a execución deste novo equipamento que formará parte da rede de centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

A intervención proxecta unha construción anexa ao actual inmoble que comparten o fogar residencial e o centro de día. Este novo edificio complementario albergará a nova residencia, ampliando ademais o número de prazas dispoñibles das 18 que ten hoxe en día ata as 48 do futuro equipamento. Deste xeito, o actual edificio quedará reservado en exclusiva para usos de centro de día e con capacidade para dar servizo a 30 persoas usuarias.

O investimento total previsto nesta intervención de 1,7 millóns de euros divídese en tres anualidades do seguinte xeito: 600.000 euros en 2018, outros 600.000 en 2019 e 500.000 en 2020. O orzamento de licitación ascende a 1,5 millóns de euros, reservándose o resto do investimento previsto para as direccións de obra e o futuro equipamento deste novo fogar residencial. No que atinxe ao emprazamento deste novo recurso residencial, indicar que este ocupará dúas parcelas lindeiras co actual centro de día, unha das cales é propiedade do Consorcio e a outra adquiriuna o concello e agora mediante convenio a pon a disposición da Administración autonómica.

O titular de Política Social, José Manuel Rey Varela, destacou que esta actuación “é unha das máis importantes das que ten proxectadas o Consorcio para os vindeiros anos no que atinxe a centros de maiores”, ao tempo que sinalou que coa mesma se mellorará e ampliará a atención aos maiores de Cerdedo-Cotobade. Nesta liña, apuntou que coa construción deste novo centro de maiores se incrementan os niveis de cobertura e se contribúe a mellorar as condicións de vida e sociais das persoas maiores que máis precisan de protección e coidados.

Así mesmo, o conselleiro salientou que “a atención aos nosos maiores é un dos obxectivos prioritarios da Xunta, de aí o impulso que se está dando ás políticas sociais ás que se destinan máis orzamentos que nunca antes na historia de Galicia”. Neste sentido, engadiu que “queremos que os nosos maiores vivan máis e mellor, e por iso apostamos por seguir completando a rede e os servizos, tanto residenciais como de atención domiciliaria”.

Cómpre destacar que no 2018 os orzamentos destinados á área de maiores ascende a 309 millóns de euros, o que supón un incremento do 11,24% con respecto ao exercicio anterior.

7 de marzo de 2018 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.