publicidade hoxe

O IGVS publica a lista de admitidos para o sorteo de cinco vivendas protexidas rehabilitadas polo CCVV

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

As últimas promocións do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), participado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello, Subida ao Castelo 12 e Subida á Costa 5 contan con 92 aspirantes, segundo recóllese nas listaxes provisionais de admitidos publicadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

Concretamente, a vivenda ofertada polo organismo público na rúa Subida á Costa número 5 recibiu 54 solicitudes, das que sete foron excluídas ao non cumprir cos requisitos e 47 admitidas. En canto a Subida ao Castelo número 12 presentáronse outros 54 aspirantes para as catro vivendas dispoñibles, con 45 admitidos e nove excluídos.

Cómpre lembrar que todos os solicitantes non admitidos poderán reclamar ata o día 11 deste mes ante eses mesmos servizos para emendar os posibles erros na documentación presentada. Unha vez finalizado este proceso de revisión o IGVS procederá a publicar as listaxes definitivas de admitidos e convocará o concurso público, realizado ante notario, no que se establecerá a orde de adxudicación das vivendas.

As promocións de Subida ao Castelo e Subida á Costa, que entran na fase final de adxudicación, supuxeron para o ente público un investimento de máis 500.000 euros.

Características das vivendas

As catro vivendas que se crearon en Subida ao Castelo 12 teñen superficies comprendidas entre os 55 e os 76 metros cadrados útiles. Distribuídas en dúas plantas, todas elas teñen acceso directo desde a rúa e dúas delas contan cun pequeno xardín posterior, en tanto que as outras teñen balcóns abertos cara á rúa que dá nome á promoción. Os prezos oscilan entre os 95.000 e os 125.000 euros.

En Subida á Costa 5 o Consorcio Casco Vello creou unha vivenda unifamiliar, situada na primeira planta, e un baixo comercial, rehabilitando un edificio anteriormente dedicado a usos hostaleiros. A vivenda ten unha superficie de 69 metros cadrados, conta con dous dormitorios e o prezo fixado é de 114.000 euros.

104 vivendas rehabilitadas

Ata o momento actual o Consorcio do Casco Vello de Vigo leva adquiridos 74 inmobles, dos que 58 xa foron rehabilitados e tres están en execución.
Rehabilitáronse 104 vivendas, das que 84 foron vendidas e 10 están ocupadas en réxime de alugueiro. Tamén se rehabilitaron 32 locais comerciais, dos que se venderon 6 e 12 están ocupados en réxime de alugueiro, estando os 17 restantes en fase de adxudicación.

7 de febreiro de 2018 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.