publicidade hoxe

O catálogo ‘Quessada. Sociedade e represión’ amosa a vertente máis social e comprometida do artista

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

A Consellería de Cultura e Educación colabora coa edición do catálogo da exposición Quessada. Sociedade e represión, que se presentou hoxe na sede de Afundación en Ourense, no marco da exposición homónima que reúne 47 pezas do artista ourensán. As obras, procedentes de diferentes coleccións públicas e privadas, amosan a vertente máis social e comprometida da obra de Xaime Quessada e son unha conmemoración do décimo aniversario do seu pasamento.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, explicou durante o acto de presentación que este libro “captura entre as súas páxinas a memoria da complexa personalidade pictórica de Xaime Quessada, o seu compromiso social e a súa solidariedade”. Conta o catálogo coas achegas de José Gómez Alén, comisario da exposición, do director da Real Academia Española, Darío Villanueva, quen afonda na faceta literaria de Quessada, e do doutor en historia da arte Ángel Llorente, que analiza o realismo e o compromiso na obra do pintor.

No acto de presentación estiveron presentes, xunto con Anxo Lorenzo, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; a presidenta da Fundación Xaime Quesada Blanco, María Jesús Blanco; o comisario da exposición, José Gómez Alén; e a coordinadora da área de Cultura de Afundación, Marité Cores.

Quessada, unha defensa dos dereitos humanos

O catálogo da mostra contribúe ao entendemento da personalidade e a evolución artística de Quessada e recolle con claridade a súa denuncia dos horrores da guerra, a miseria e a fame. Permite, ademais, apreciar a diversidade artística do autor e as súas obsesións estéticas e constitúe un percorrido polos acontecementos do convulso século XX e as súas consecuencias.

Lorenzo aproveitou o momento para animar ao público a achegarse a Ourense para ver esta mostra, xa que “é unha oportunidade única para coñecer máis de preto a Xaime Quessada a través dunha importante relación das súas obras.” Unha ocasión “para comprender a relación dialéctica que o pintor mantivo coa arte e co mundo, baseada nunha ética que o levou sempre a defender os principios básicos dos dereitos humanos: a liberdade, a xustiza e a paz”, afirmou o secretario xeral de Cultura.

A Xunta colabora con este proxecto, a través da Consellería de Cultura e Educación, dentro do seu compromiso coa difusión e a posta en valor dos artistas galegos, como é o caso de Quessada, figura clave e unha das personalidades máis prolíficas e universais da historia da arte en Galicia.

1 de febreiro de 2018 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.