publicidade hoxe

Ignacio López-Chaves acentúa a natureza pública do hospital Álvaro Cunqueiro trala sentenza que lle recoñece a exención do IBI

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, afirmou hoxe que a recente sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 recoñecendo a natureza pública do Hospital Álvaro Cunqueiro deixa en evidencia as mentiras que durante todos estes anos vertéronse desde a Administración local.

En rolda de prensa, tras apuntar que o fallo non deixa lugar a dúbidas de que o centro sanitario é titularidade do Sergas e, en consecuencia, está exento do pago do Imposto de Bens e Inmobles (IBI), salientou que “a mentira camiña moi rápido, pero ten as patas moi curtas”. Nestes termos pronunciouse sobre os “reiterados rumores” de que se trataba dun hospital privado. Un termo, o de privado, que instou ao alcalde a abandonar dunha vez por todas xa que “engana aos vigueses”. “Son os tribunais os que agora recoñecen a verdade que tantas veces negou Caballero”, sentenciou.

Dito isto, o representante do Goberno galego en Vigo pediulle ao alcalde vigués que reme a prol da sanidade pública e cese “a campaña de descrédito e mentiras” na que se instalou con respecto ao Álvaro Cunqueiro. “O tempo acabou por darnos a razón e os máis de 2 millóns de usuarios do centro sanitario teñen claro que é 100 por cento público, que lles atenden médicos do Sergas e que non se lles cobra por consulta”. Acto seguido, censurou a “espiral de rumores e mentiras” alimentados desde o Concello vigués respecto a natureza do hospital.

López-Chaves, quen se referiu ao Hospital Álvaro Cunqueiro como a infraestrutura sanitaria de maior investimento público en Galicia, aproveitou a ocasión para reclamarlle ao rexedor municipal que asuma as súas competencias e garanta a seguridade viaria arranxando os accesos aos centros sanitarios.

“As vías de acceso ao Hospital Álvaro Cunqueiro e ao Meixoeiro están abandonadas, sen atención nin seguridade. A día de hoxe, a mobilidade para as peóns está limitada”, asegurou López-Chaves, quen criticou a falla de implicación do Concello e a súa “absoluta irresponsabilidade” neste senso.

6 de febreiro de 2018 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.