publicidade hoxe

Francisco Conde avoga pola formación das persoas con discapacidade nos novos perfís profesionais para favorecer a súa inclusión social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avogou hoxe por crear un novo marco de oportunidades laborais para as persoas con capacidades diferentes poñendo énfase no emprego e na formación, na súa intervención en Santiago na xornada Novo modelo de ocupación e emprego para persoas con discapacidade intelectual, organizada por Fademga. Sinalou que a transformación que se está a rexistrar na industria grazas á dixitalización e as novas tecnoloxías está cambiando, polo que apostou por aproveitar este escenario para aumentar as posibilidades para o emprego inclusivo.

Explicou, ao respecto, a importancia da formación para a inserción laboral e para evitar que se abra unha fenda no mercado laboral pola aparición destes novos perfís profesionais vinculados ao desenvolvemento tecnolóxico. Neste contexto, o titular de Economía apostou pola formación dual, un modelo no que avanzou que está traballando a Xunta para incrementar a integración laboral das persoas con discapacidade e que require da implicación do tecido produtivo.

Conde sinalou que as persoas con capacidades diversas son un colectivo prioritario en todas as políticas de emprego da Xunta, xa que afirmou que no traballo se atopa unha das portas principais á inclusión social. Puxo en valor o apoio da Xunta a estas persoas e asegurou que a loita polo emprego inclusivo debe contar coa implicación de todos os axentes económicos e sociais, lembrando que as empresas deben contribuír a difundir a cultura da integración social e apostar polo “talento diverso” dándolle visibilidade.

O orzamento 2018 da Consellería de Economía, Emprego e Industria destina preto de 14 millóns de euros para seguir impulsando a integración laboral das persoas con discapacidade, a través do impulso aos centros especiais de emprego, que xogan un papel fundamental á hora de formar e ofrecer unha primeira oportunidade laboral, e por medio de axudas ás empresas para a contratación destas persoas.

Por último, Conde agradeceu o labor intenso que desenvolven as entidades que traballan a favor do emprego inclusivo como é o caso de Fademga, que presta servizo a máis de 4.300 persoas, agrupa a 40 asociacións e conta cunha rede de 125 centros por toda Galicia, onde traballan case 1.300 profesionais co apoio de máis de 1.200 voluntarios. Fademga ofrece servizos de atención e coidados, de axuda ás familias e á vida independente das persoas con capacidades diferentes ou de apoio ao desenvolvemento profesional e social deste colectivo.

23 de novembro de 2017 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.