publicidade hoxe

A Xunta fomenta o voluntariado nos centros de ensino co programa ‘Pasaporte Solidario’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, reuniuse na xornada de hoxe no IES de Beade co profesorado e alumnado participantes na sexta edición do programa ‘Pasaporte Solidario’. O obxectivo desta visita foi o de facer entrega dos diplomas acreditativos da súa implicación nesta iniciativa da Consellería de Política Social, que no curso académico 2016/2017 contou coa participación directa de 1339 estudantes de ata 12 anos repartidos en 22 centros educativos das catro provincias galegas.

A directora xeral, que presenciou unha das actividades de dinamización programadas ao abeiro deste programa, lembrou que os principais obxectivos de ‘Pasaporte Solidario’ son os de promover valores de solidariedade, participación, compromiso social e voluntariado entre a comunidade educativa (pais, nais, profesorado e alumnado) e favorecer que o alumnado se comprometa como voluntarios e voluntarias a través dunha metodoloxía activa e participativa, que os achegue a realidade do voluntariado.

No ‘Pasaporte Solidario’ os e as participantes plasman as súas experiencias persoais nun documento adaptado para esta finalidade, no que se reflicten diferentes niveis de acción e compromiso voluntario e no que se inclúe unha modalidade específica relacionado co Camiño de Santiago. Este documento serve, igualmente, de rexistro de cada unha das accións solidarias realizadas ao longo do curso escolar. Aquelas persoas que rematan satisfactoriamente o seu itinerario de solidariedade reciben un documento acreditativo que recoñece a súa participación no programa.

No caso concreto do IES de Beade as intervencións desenvolvidas de fomento da solidariedade no centro incluíron, entre outras as seguintes: recollida de tapóns para Nair, elaboración de vídeos contra o bullying e a violencia de xénero, obradoiros de reciclaxe ou xuntanzas do club de convivencia.

Con este proxecto, subliñaba Cecilia Vázquez, “preténdese que a mocidade teña a posibilidade de levar a cabo un itinerario de accións voluntarias completo e continuo, que comeza en primaria con ‘Móvete’, segue co ‘Pasaporte Solidario’, dirixido a mozos de ata 12 anos, continúa coa Rede de Centros Solidarios para estudantes de secundaria, e complétase co Servizo de Voluntariado Xuvenil, que se prolonga ata os 30 anos”.

A responsable dos programas autonómicas de Xuventude, Participación e Voluntariado indicou que ‘Pasaporte Solidario’ se inicia de novo este curso 2017/2018 na súa sétima edición. Neste sentido, indicou que está habilitada na web www.voluntariadogalego.org un enlace ao dito programa co fin de que aqueles centros que aínda non se teñan incorporado a esta iniciativa, poidan facelo ou obter máis información. Así mesmo, a Consellería de Política Social dispón do teléfono gratuíto 900 400 800 para resolver todas cantas dúbidas ou cuestións poidan aparecer ao respecto.

14 de novembro de 2017 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.