publicidade hoxe

Parrado e López-Chaves presentan a nova tempada de actividades para o que resta de ano nos centros sociocomunitarios de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Arturo Parrado e Ignacio López-Chaves na presentación dos programas

Arturo Parrado e Ignacio López-Chaves na presentación dos programas

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, deron a coñecer esta mañá a nova programación dos centros sociocomunitarios desta área. Un total de 460 actividades nas que se estima que participen ao redor de 5.400 persoas conforman a oferta do segundo semestre deste ano que se deu a coñecer nunha rolda de prensa que tivo lugar na sede da Administración autonómica na cidade olívica.

A Xunta conta nesta área cunha ampla rede de centros sociocomunitarios en Baiona, Bouzas, Calvario, Coia, O Porriño, Rivera Atienza, Teis, Redondela e Vigo (Pi y Margall). Trátase de equipamentos de carácter polivalente, abertos a toda a poboación, dotados de recursos humanos, materiais e financeiros, nos que se fomenta o desenvolvemento de actividades de formación e animación sociocultural dirixidas a propiciar a relación entre os distintos sectores de toda a poboación, cunha especial dedicación ás accións relacionadas coa prevención da dependencia e coa autonomía persoal dos maiores.

Así, nesta nova tempada os usuarios dos centros poderán asistir a clases e obradoiros de temática moi variada, entre outras: talleres de arte (literatura, teatro, canción e instrumentos tradicional), actividades físicas e de relaxación (ximnasia de mantemento, ioga, tai-chi, pilates, zumba, baile, risoterapia), inglés, chino, informática, manualidades e labores, patronaxe e costura, pintura, obradoiro de memoria, xadrez, cociña, arte floral, etc. Trátase dunha programación que dá resposta ás preferencias dos usuarios e que están orientadas a manter e potenciar as capacidades intelectuais, físicas e creativas dos participantes, así como a desenvolver e ampliar os seus coñecementos en idiomas, informáticas ou redes sociais, entre outras disciplinas.

Por outra banda, estes centros da área de Vigo, ao igual que a maioría dos que forman parte da rede da Xunta, contan con distintos servizos como son os de podoloxía, cafetería e sala de prensa e lectura, facilitando a participaciòn dos usuarios en charlas, tertulias, xogos de mesa, etc. Estes servizos se suman a oferta de actividades, elevando a cifra de usuarios dos centros sociocomunitarios da área de Vigo por riba das 10.000 persoas.

Un dos obxectivos da Consellería de Política Social pasa pola posta en valor e relanzamento dos centros sociocomunitarios, como espazos para a integración e socialización, así como para propiciar unha vida activa e participativa mediante a programación de actividades. Na actualidade a Xunta de Galicia conta con 44 centros deste tipo dos que gozan cada ano preto de 30.000 persoas maiores. Destes centros, 16 se atopan situados na provincia de Pontevedra, 13 na Coruña, 11 en Ourense e 4 en Lugo.

Estes centros tamén serven como lugares para celebrar festas conmemorativas en días sinalados coma o das letras galegas ou o festexo de Nadal, do entroido ou do magosto e en case todos eles se celebran bailes semanais nos que participan, maioritariamente, persoas maiores. Así mesmo, nestes equipamentos tamén teñen lugar outro tipo de actividades como a organización de visitas culturais, sendeirismo ou excursións, así como charlas informativas relacionadas con temas de interese para a cidadanía, como medidas para previr accidentes no fogar, sobre seguridade viaria ou sobre o uso e abuso de medicamentos, entre outras temáticas.

A Administración autonómica destina cada ano preto de 1,6 millóns de euros ao financiamento dos gastos de mantemento e realización de actividades destes centros sociocomunitarios, ademais de chegar a acordos con entidades que usan estes espazos para a realización das súas actividades, abertas a todos os seus usuarios.

20 de setembro de 2017 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.