publicidade hoxe

Un grupo de participantes nun campo de traballo internacional colaboran na recuperación ambiental do Monte da Espenuca, en Coirós

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoirósLocal Portada
A-
A+
Ovidio Rodeiro na visita aos xóvenes que forman parte da actividade

Ovidio Rodeiro na visita aos xóvenes que forman parte da actividade

O entorno natural do Monte da Espenuca, en Coirós, é o escenario dun campo de traballo internacional onde 14 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos realizan labores de conservación ambiental e posta en valor deste enclave das fragas do Mandeo. O delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe esta iniciativa organizada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, acompañado polo tenente de alcalde de Coirós, Manuel Corral.

Os mozos e mozas, que proceden de Italia, México, Francia, Cataluña, Andalucía, Canarias, Valencia e Estremadura traballan na limpeza de maleza e eliminación de especies alóctonas como acacias e eucaliptos e no acondicionamento de camiños, sendeiros e muros. Ademais, tamén participan en actividades complementarias como visitas na Reserva da Biosfera As Mariñas e Terras do Mandeo e ás cidades de Betanzos, Lugo, Santiago de Compostela e A Coruña , asistencia a festas tradicionais e eventos culturais e deportivos e rutas de sendeirismo.

Ovidio Rodeiro destacou que “os campos de traballo constitúen unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que engloban experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade”. “Son accións voluntarias, que os mozos realizan de forma altruísta e solidaria, poñendo o seu gran de area para mellorar a nosa sociedade”, engadiu.

O delegado apuntou que “tamén promoven a participación e implicación da xuventude na sociedade, afondando en materias do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal, ademais de fomentar a mobilidade, pois ofrecen aos mozos a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades e países e viceversa”.

Os campos de traballo en Galicia, ao longo deste verán, porán a disposición de mozos e mozas da nosa Comunidade, do resto de comunidades autónomas e de países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón ou de voluntarios e voluntarias procedentes da Galicia exterior, 598 prazas. No que respecta á provincia da Coruña, esta conta con campos de traballo nos concellos da Laracha, As Pontes, Ponteceso, Vedra, Boqueixón, Coirós, Curtis, Outes, Ribeira, Rois e Betanzos que ofertan un total de 228 prazas para a mocidade.

Os campos de traballo forman parte da Campaña de verán da Xunta de Galicia O teu verán colle nunha mochila, na que tomarán parte 9.572 persoas, 526 máis que en 2016. As actividades que conforman esta campaña están dirixidas a mozos e mozas de entre nove e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade. O departamento autonómico inviste 2,9 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas mil persoas entre monitores e directores de tempo libre.

10 de agosto de 2017 | 14:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.