publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta formaliza o contrato para adecuar a casa reitoral de San Martiño de Mondoñedo, en Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de formalizar o contrato de obras de adecuación da casa reitoral de San Martiño de Mondoñedo, na localidade lucense de Foz, nas que se investirán 90.262,94 euros, e que serán realizadas pola empresa Construcciones Abal, S.A. Cómpre sinalar que o departamento dirixido por Román Rodríguez tamén publicou xa a licitación da subministración da fabricación e instalación do proxecto expositivo e museográfico do futuro Centro de Interpretación desta igrexa de San Martiño, que se instalará na reitoral. O importe total do investimento previsto por parte da Consellería, ao abeiro do convenio asinado o pasado ano co Concello de Foz e a Diocese Mondoñedo-Ferrol, para financiar todas as actuacións que permitan a apertura do devandito centro é de 200.000 euros.

O novo Centro de Interpretación vai permitir dotar o concello de Foz e a Mariña de Lugo dun novo recurso cultural que permita difundir e fomentar mellor o senlleiro interese deste conxunto monumental da que é a máis antiga catedral católica de España que se conserva en pé. Tras a colaboración da Consellería, será o Concello quen asuma a xestión deste novo espazo e os custos derivados da súa apertura pública, incorporándoo á oferta de visita pública, de contido cultural e turístico que xa neste momento está a desenvolver na igrexa de San Martiño. Pola súa parte a Diocese accede á instalación deste museo nas instalacións da reitoral, así como a ceder pezas para a súa exhibición neste espazo.

Actuacións

Ao abeiro do contrato formalizado, realizaranse obras de adecuación da casa reitoral, sita nunha finca contigua á da igrexa, así como de equipamento da mesma para acoller o Centro de Interpretación. En concreto o proxecto museístico exhibirase na planta baixa da reitoral, metade da planta primeira e na cámara do bispo, no segundo andar. O percorrido comezará, con todo, no exterior, onde se colocarán paneis que expliquen a evolución do templo.

As diferentes salas do Centro de Interpretación contarán tamén con paneis informativos, pantallas de vídeo ou furnas, e estarán organizadas arredor dun elemento fixo central, unha caixa de madeira, sobre a que tamén se poderán exhibir pezas.

O discurso expositivo será cronolóxico pola historia da construción da igrexa ata rematar na parte máis alta do edificio, a cámara do bispo, desde onde se poderá gozar dunha vista diferente da igrexa así como contemplar as pezas máis importantes da mostra: o anel, o báculo e a porta recuperada do cruceiro do templo.

O Centro de Interpretación completarase coa instalación no primeiro andar dunha sala polivalente para conferencias, proxeccións, presentacións, cursos e exposicións temporais.

7 de agosto de 2017 | 14:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.