publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Pontevedra inaugura o campo de fútbol de Fornelos-Oural en Salvaterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSalvaterra de Miño
A-
A+

O Deputado da Cooperación da Deputación de Pontevedra, David Regades, acompañado pola Deputada de Deportes, Chelo Besada, e tanto polo alcalde (Arturo Grandal) como por diversos e diversas representantes do Goberno municipal do Concello de Salvaterra de Miño, inaugurou o novo campo de fútbol de Fornelos-Oural, no concello da comarca do Condado.

As obras, financiadas nun 75% pola Deputación de Pontevedra (o que supuxo unha achega provincial situada en 350.593,77 euros) e un 25% polo concello, “supuxeron garantir a seguranza das cativas e dos cativos que practican este deporte e, polo tanto, para o noso Goberno provincial é un orgullo poder participar con achegas que redunden dunha maneira tan directa e evidente na calidade de vida das veciñas e dos veciños da provincia de Pontevedra”, sinalou o Deputado David Regades. As obras realizadas no campo de Fornelos-Oural consistiron na colocación de céspede artificial no lugar do campo de terra que había anteriormente e a dotación de distintas infraestruturas necesarios para o bo desenvolvemento desta práctica deportiva, como as instalacións dunha rede de rego e dunha nova iluminación.

Regades sinalou que “desarmamos as porterías, varandas e demais equipamento, levantamos as proteccións do perímetro, desarmamos as torres de iluminación para instalar outras novas e baleiramos o terreo para perfilar novas pendentes”, ademais de instalar “un novo sistema de evacuación de augas e, por suposto, o novo céspede, artificial de última xeración”, que permitirá practicar tanto o fútbol-7 como o fútbol-11. “En definitiva, unha obra moi importante que responde á demanda das veciñas e dos veciños de Salvaterra e á que desde este Goberno da Deputación de Pontevedra intentamos dar resposta canto antes”, asegurou o Deputado.

O Deputado provincial lembrou que, este ano, Salvaterra recibe por parte da institución provincial preto de 720.000 euros só ao abeiro do “Plan Concellos 2017″ (un 13% máis do que recibiu en 2016), polo que “o investimento total que recibirá a vila ao longo deste ano será maior”. A Deputación de Pontevedra xa aprobou o 100% das achegas que lle corresponden a Salvaterra de Miño ao “Plan Concellos 2017″, isto é, un total de 718.625,11 € para a realización de investimentos como a cuberta da Praza de Abastos (60.000 €), a mellora do acceso do Porto de Abaixo (40.000 €), os saneamentos de Outeiro (58.000 €) e o Outeiral (44.000 €) ou un total de 129.000 € destinados ao parque público de Teáns. Ademais, grazas ao Plan creáronse 22 postos de traballo, cun investimento de máis de 161.000 euros. En total en 2016 Salvaterra recibiu 1.493.000 euros, entre eles 634.000 euros do “Plan Concellos 2016″.

14 de agosto de 2017 | 14:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.