publicidade hoxe

Tres xornadas de portas abertas divulgarán os segredos da restauración da igrexa de Nogueira de Miño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

A Xunta realizará os vindeiros 12, 13 e 14 de xullo tres xornadas de portas abertas para divulgar e compartir co público interesado os traballos que se teñen levado a cabo na igrexa de Santa María de Nogueira de Miño. As restauradoras a cargo da intervención estarán a disposición dos asistentes para explicar o proceso de rehabilitación dos frescos, falando das capas pictóricas subxacentes que se atoparon e doutros aspectos curiosos relacionados coa plástica do templo.

A actual restauración do retablo e das pinturas do presbiterio de Santa María de Nogueira concluirá a finais do presente mes de xullo. Estas obras foron contratadas pola Xunta de Galicia e cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e contan cun investimento de 52.584,23 euros.

A Consellería de Cultura e Educación leva investidos neste templo durante os últimos 5 anos preto de 130.000 euros na restauración e posta en valor deste ben sobranceiro. En concreto, actuouse na restauración das pinturas murais dos muros norte e sur, nos anos 2012 e 2014 respectivamente, e na recuperación integral da cabeceira, que inclúe as pinturas murais e o retablo, nos anos 2016 e 2017.

Coas distintas actuacións, as necesidades que se pretenderon cubrir foron a restauración integral dos paramentos, rescatando a súa lectura eliminando capas de repintes e dándolle continuidade ao programa iconográfico representado polo recoñecido artista o Mestre de Nogueira; así como recuperar os retablos do inmoble, co que se acada a restauración dos valores do ben cultural tanto nos aspectos estruturais como polícromos.

As xornadas desenvolveranse na propia igrexa a día 12 (de 9,00 a 14,00 h. e de 16,00 a 21,00 h.) e o 13 e 14 de xullo, en horario de mañá, de 9,00 a 14,00 h. Durante estes días estarase traballando no conxunto das imaxes barrocas do retablo maior, podéndose observar os procesos de restauración e comentar os pormenores do traballo.

Un ben singular no corazón de Galicia

O templo constrúese baixo a xurisdición do mosteiro de San Salvador de Asma a finais do século XII e sitúase estilisticamente nun románico de transición. Posúe unha planta rectangular con ábsida cadrada e cuberta de tella a dúas augas. A ábsida ten un arco triunfal de medio punto, columnas adosadas e capiteis con decoración variada. Da súa fábrica románica chegaron ata a actualidade a nave e a devandita ábsida. No século XVIII refórmase a igrexa construíndo unha nova fachada barroca na que se inclúe o antigo rosetón e elévase a torre do campanario. O conxunto mural ocupa todos os paramentos da igrexa, e nel se trata o tema do Xuízo Final, a Resurrección, a Oración no Horto e o Prendemento de Xesús.

11 de xullo de 2017 | 15:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.