publicidade hoxe

A Deputación de Lugo será a único patrocinadora do XI Campus de Fútbol e do Night Trail de Quiroga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLugo
A-
A+

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e o Concelleiro de Deportes de Quiroga, Andrés Novoa Arza, presentaron este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos dúas iniciativas deportivas que se celebrarán no Concello, grazas á colaboración económica do Goberno Provincial. Son o XI Campus de Fútbol, unha iniciativa dirixida aos máis pequenos que se celebrará entre o 10 e 15 de xullo, e o II Night Trail, unha carreira fóra de pista, que terá lugar o 8 de xullo.

Rivera Capón destacou que “dende o Goberno da Deputación achegamos un total de 8.000 euros para custear estas dúas actividades, ademais doutras xornadas como o Día da Bicicleta ou a Carreira Popular; o que nos converte na única administración, a maiores do propio Concello, que colabora con estes dous eventos deportivos. Estas dúas xornadas son tamén unha magnífica oportunidade para facer deporte ao aire libre, dando a coñecer e poñendo en valor o entorno natural do Concello”.

O Concelleiro pola súa banda explicou que se tratan de “dúas actividades moi importantes para o noso Concello pois o Campus de Fútbol está dirixido aos nenos do noso municipio; e o Night Trail, é unha carreira que esperta moito interese entre os veciños de toda a provincia”.

Campus de Fútbol

O XI Campus de Fútbol é un evento deportivo xa consolidado no Concello que terá lugar entre os días 10 e 15 de xullo e dirixido a uns 40 rapaces de 5 a 15 anos. Os interesados en participar neste campus deberán formalizar a súa inscrición na Casa do Concello ata o vindeiro día 7 de xullo. O Concello establece un prezo mínimo de 25 euros. Á primeira hora, realizaranse actividades de adestramento de fútbol no campo municipal e, a media mañá, as actividades trasladaranse á piscina do Concello, na que tamén haberá xogos para todas as franxas de idade.

II Night Trail

O II Night Trail de Quiroga é unha carreira e andaina por sendeiros das montañas do municipio, que conta cunha grande aceptación entre os corredores afeccionados. Terá lugar o vindeiro sábado, 8 de xullo a partires das 22:15 horas. As persoas que desexen participar neste trail deberán formalizar a súa inscrición en www.championchipnorte.com. A día de hoxe, xa hai máis de 230 participantes inscritos. O prezo oscila entre os 5 e os 15 euros, en función da modalidade a realizar. Son 3 modalidade, unha dea andaina e trail de 10.000 metros; outra de 17.000 metros e, finalmente, un trail de 26.000 metros.

Máis axudas deportivas

O Goberno da Deputación colaborou durante o ano 2016 con outras iniciativas deportivas en Quiroga, así como coas asociacións do Concello. Foron, en total, 6.200 euros que recibiron un total de 6 asociacións e clubs deportivos. Do total, foron 1.137 euros para o club Coviran Quiroga Fútbol Sala; 1.210 co Club Quiroga Fútbol Sala Feminino, 1.246 co Quiroga Fútbol Club; 862 euros co Club de Montaña Formigueiros, para o descenso de canóns na comarca de Quiroga; e 1.778 euros para as asociacións de fútbol e fútbol sala feminino para a organización do Torneo de Nadal de Fútbol Sala e para o Torneo Feminino Val de Quiroga.

4 de xullo de 2017 | 14:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.