publicidade hoxe

Sofía Táboas, Patricia Esquivias e Luciana Lamothe exploran no CGAC o espazo arquitectónico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) abre as portas da exposición Lugar. Continxencias de uso. A mostra, que se inaugura hoxe ás 20:00 horas, constitúe o primeiro proxecto de produción que o CGAC leva a cabo reunindo obra de tres artistas vinculadas ao panorama de América Latina, recoñecidas internacionalmente: Sofía Tábaoas, Patricia Esquivias e Luciana Lamothe.

Susana González é a comisaria deste proxecto ambicioso, que foi presentado esta mañá en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo director do CGAC, Santiago Olmo; pola comisaria e polas artistas. Nel revísase a obra das tres creadoras a partir dun proceso específico de produción das pezas, realizadas expresamente para a mostra e no propio lugar onde se expoñen, o que, ademais, suscita un diálogo coa arquitectura de Álvaro Siza, un achegamento ao feito arquitectónico por medio dun proceso de procura dun espazo de continxencia común. Cada unha das artistas traballa nunha dirección moi singular, e é precisamente o espazo, a acción sobre el, e a súa interpretación, o nexo común entre elas.

O proxecto mostra obras site-specific das tres artistas producidas para distintas localizacións do CGAC. Os seus traballos falan do tectónico, da morfoloxía dos materiais aos elementos construtivos; da dimensión histórica e simbólica á perceptiva e cognitiva.

Mitoloxía e tradición popular na obra de Táboas

De nacionalidade mexicana e de orixe galega, Sofía Táboas (Cidade de México, 1968) amosa o seu interese pola investigación do espazo, tanto do natural como do edificado, o exterior e o interior. Coa súa peza Fluxo horizontal (2017) intervén a gran ventá do hall do CGAC, e a través do impacto da luz e da súa proxección no interior confírelle ao edificio un novo espazo modelado e cambiante segundo a hora do día.

Na obra Construción primordial (2017), a artista apela ás estruturas circulares en alusión aos castros celtas e dirixe a súa atención ao carácter mitolóxico e de lenda, así como ao arraigamento que teñen na tradición popular oral. A liña dourada que une visualmente as diferentes estruturas fai alusión á lenda da trabe de ouro, ligada ao tesouro castrexo. Filla de galego e neta de canteiro, a artista dá mostra das relacións afectivas que a unen con Galicia.

Os videorrelatos de Patricia Esquivias

En canto a Patricia Esquivias (Caracas, Venezuela, 1979. Vive e traballa en Madrid), o vídeo é o seu principal medio de traballo. Na súa obra mestúranse as historias persoais de xente anónima, con grandes acontecementos. Deste xeito, a serie de videorrelatos Foklore conxuga de maneira natural elementos esenciais da historia de España, xunto con outros de carácter anecdótico. O vídeo relata as viaxes feitas por Galicia e o territorio colonial mexicano rebautizado como Nova Galicia (Guadalaxara, México). Na exposición inclúese a obra Sen título. Mosaico (2013), que pertence á colección do CGAC e que reproduce un debuxo en azulexos esmaltados, extraído dun fragmento do vídeo que se realizou con motivo da exposición Todas as tradicións son inventadas, exhibida no MARCO de Vigo.

A obra transgresora de Luciana Lamothe

Na obra de Luciana Lamothe (Mercedes, Arxentina, 1975) revélase un interese polos espazos e os elementos constitutivos utilizados na súa construción. As relacións dialécticas entre destrución-construción, social-antisocial, xunto coa estética do vandalismo unida ao legado da práctica artística conceptual, pasan a ser o seu ámbito de actuación e sitúannos ante unha obra transgresora.

A obra da artista pon de manifesto a intención de demandar a interacción do espectador. Así, constrúe instalacións como a mostrada no hall do CGAC, Proceso de inicio (2017). O seu traballo esténdese á escultura, á montaxe e á instalación. As obras Espesor por radio, Modular e Prisma, integramente producidas no CGAC, responden ás súas novas investigacións sobre os materiais.

Comisariado

O interese polos discursos, as investigacións sociais e a interrelación entre disciplinas vertebran o traballo de Susana González (Oviedo, Asturias, 1971), comisaria da mostra. Con máis de dez anos de experiencia en xestión cultural, entre os seus comisariados máis recentes atópase a exposición O baile dos elementos entrópicos (Galería Bacelos, Vigo), A liña Hejduk e Quefaceres e equilibrio, ambas as intervencións nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. As diferentes pezas que conforman a exposición pódense ver no hall e no soto do CGAC.

Programación de verán

Canda a programación expositiva, o CGAC desenvolve un ano máis, no mes de xullo, entre os días 4 e 28, unha oferta de obradoiros para o tempo de lecer, con actividades dirixidas ao público de todas as idades para lle dar renda solta á súa capacidade creativa. A programación deste ano centrarase especialmente nos procesos de creación a través do audiovisual. Namentres, os máis pequenos terán ocasión de experimentar cos materiais, a forma, o volume, o movemento e as cores. Todos os talleres son de balde e as solicitudes de inscrición poden presentarse a través do enderezo electrónico cgac.pedagogia@xunta.gal

Cinema ao aire libre

Tamén en xullo, o CGAC retoma o cinema ao aire libre con Fóra de Contexto. Ciclo de cine turista, dirixido por Cibrán Tenreiro. Nas noites dos mércores e dos xoves do mes de xullo, a partir das 22:30 horas, proxectaranse seis grandes títulos do cinema internacional que ofrecen unha particular mirada arredor da figura do turista e da viaxe. A entrada é de balde.

22 de xuño de 2017 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.