publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Política Social sufraga 10 prazas de asistencia terapéutica a persoas con alzhéimer nas Nogais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs Nogais
A-
A+

A Consellería de Política Social estendeu a rede de recursos asistenciais para os maiores en situación de dependencia no concello das Nogais, sufragando un servizo específico de estimulación terapéutica para persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza para valorar este servizo co alcalde, Jesús Manuel Núñez, e a presidenta da Asociación de Familiares de Alzhéimer de Lugo (Afalu), Carmen Pena, a entidade encargada da prestación mediante concerto coa Xunta de Galicia.

Política Social destina 25.900 euros ao financiamento das 10 prazas que se ofrecen nas Nogais. A administración autonómica achega o 80% do custe da praza e o 20% restante corresponde á participación económica dos beneficiarios e beneficiarias do servizo.

Cada usuario disporá de 45 horas mensuais de prestación; o obxectivo é atender ás persoas ante os primeiros síntomas de alzhéimer para, na medida do posible, previr e retrasar o avance da enfermidade.

O delegado territorial subliñou que “a atención ás persoas en situación de dependencia é unha prioridade do Goberno da Xunta” e considerou esencial “achegar os recursos asistenciais destinados á prevención, detección precoz ou tratamento aos concellos rurais, que presentan un maior índice de poboación envellecida”.

Afalu presta o servizo nun aula do centro sociocultural do concello das Nogais, onde os usuarios reciben información e orientación sobre a doenza, asistencia ás actividades básicas e instrumentais da vida diaria, terapia ocupacional, estimulación cognitiva, ou mesmo atención psicológica dirixida tanto ás persoas afectadas como a familiares coidadores.

Con esta atención individualizada e adaptada a cada caso, os profesionais de Afalu tratan de previr o agravamento do grao de dependencia do usuario, promover o mantemento ou a mellora da autonomía persoal e de habilidades xa adquiridas, facilitar a execución das actividades básicas da vida diaria, potenciar o desenvolvemento persoal, a adaptación ao seu entorno e a integración social e, en definitiva, que o doente gane en calidade de vida.

Balseiro asegurou que a consellería continuará ampliando a rede de prazas asistencias e residenciais para este colectivo, así como a carteira de prestacións do sistema autonómico de dependencia con máis libranzas e máis horas dispoñibles do servizo de coidados no contorno familiar en todos os municipios.

13 de xuño de 2017 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.