publicidade hoxe

O Centro Agroforestal de Monforte acolle un curso para traballadores de incendios sobre a rede de comunicacións de emerxencias da Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Traballadores do dispositivo antiincendios da zona sur da provincia participan hoxe nunha xornada formativa sobre a nova rede de comunicacións de emerxencias Tetra da Xunta de Galicia, que se celebra no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou o centro e subliñou que a Xunta conta dende o pasado ano cunha rede de telecomunicacións propia que emprega a tecnoloxía Tetra, “a máis punteira para este tipo de redes de seguridade pública e que se caracteriza pola súa probada fiabilidade incluso en situacións extremas ou de saturación, como accidentes, desastres naturais ou grandes aglomeracións”.

Co obxectivo de implantar o correcto uso destes equipos de comunicacións, a Consellería do Medio Rural organiza outras dúas sesións formativas, mañá día 20 e o día 26 de xuño, na Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei).

Participan tanto operarios de brigadas como condutores de motobombas, responsables de emisoras e vixilantes, que realizarán prácticas por grupos.

A rede de telecomunicacións Tetra permite a coordinación de todas as forzas de seguridade e emerxencias integrados nela: bombeiros, policía, urxencias sanitarias, 112, GES, Protección Civil, Incendios Forestais, entre outras.

Esta rede ponse á disposición de distintos organismos públicos, como deputacións ou concellos, conseguindo, deste xeito, unha maior coordinación dos distintos servizos de emerxencias, así como un aforro efectivo no gasto en teléfonos móbiles e sistemas locais.

19 de xuño de 2017 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.