publicidade hoxe

Conde destaca que as claves do crecemento da economía galega son o emprendemento, a innovación e a internacionalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Intervención de Francisco Conde no foro

Intervención de Francisco Conde no foro

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe nun foro organizado polo Grupo Correo Gallego que emprender, innovar e saír na busca de novos mercados son as claves do crecemento da economía galega.

Neste sentido, lembrou que, no ámbito das exportacións, Galicia volveu acadar unha marca histórica no primeiro cuadrimestre do ano, logo de catro anos de récord, medrando un 10,8% con respecto ao mesmo cuadrimestre do período anterior. Sinalou tamén que no caso do investimento estranxeiro, a comunidade foi a quinta que máis creceu no primeiro cuadrimestre de 2017, multiplicando por catro as cifras: de 19,7 a 86,5 millóns de euros. Con estes datos, xunto coa previsións de crecemento do PIB, fixo fincapé en que apostar pola internacionalización, pola I+D+i e polo emprendemento está a dar os seus resultados, e con esa perspectiva, sinalou que hai que seguir co compromiso da Xunta de que ningún emprendedor galego teña que renunciar aos seus proxectos por falta de apoio.

Entre as distintas ferramentas para apoiar as novas iniciativas empresariais coas que conta a Xunta destacou o programa Galicia Emprende, a través do cal se achegan axudas de ata 175.000 euros coas que poñer en marcha ou consolidar os seus proxectos. A primeira das tres convocatorias desta iniciativa pechouse o 20 de xuño, con 115 solicitudes que suman un investimento proxectado de 12,6 millóns de euros, e a previsión é que permita a creación ou mantemento de 300 postos de traballo. Hoxe mesmo arranca a segunda convocatoria, e o vindeiro 10 de outubro convocarase a terceira.

Este programa aumenta este ano a súa dotación un 35%, e conta cun complemento específico, o programa Galicia Rural Emprende, dotado con 2,5 millóns de euros. Ademais, o programa de formación e emprendemento no rural impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria conta con diferentes medidas para que os concellos do rural e as áreas menos poboadas de Galicia sexan un espazo onde desenvolver proxectos empresariais con futuro.

Entre as diferentes ferramentas ao alcance dos emprendedores galegos sinalou tamén a Rede de Aceleradoras, que levan mobilizado nos últimos anos 14 millóns de euros, e entre as que se atopan ViaGalicia, a Business Factory Auto ou Galicia Open Future. Neste ámbito, anunciou que o CIS Madeira vai acoller un novo espazo coworking, centrado no sector forestal, que será un paso máis para impulsar a industrialización, do sector en Galicia que coordinará a futura Axencia Galega da Industria Forestal.

Conde tamén fixo referencia ás medidas de apoio aos autónomos que promove a Xunta, e así, apuntou que se ampliará a tarifa plana de 50 euros ao mes ofrecida polo Estado, ata os 18 meses, que se porá en marcha o bono do autónomo, cunha contía de ata 3.000 euros para a consolidación da actividade, un programa de relevo xeracional para garantir a continuidade dos negocios, e que se ampliará en 16 semanas adicionais a bonificación do 100% da cota da Seguridade Social do traballador contratado para conciliar en caso de maternidade ou paternidade. Ademais, crearase a Oficina do Autónomo que será unha xanela única para a tramitación que precise este colectivo.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que, ademais das diferentes axudas e programas de apoio, é imprescindible eliminar obstáculos. Así, lembrou a posta en marcha da Lei do Emprendemento e das entidades de certificación da conformidade municipal (ECCOM). Neste eido, fixo referencia á futura Lei de implantación empresarial, que vai permitir, en alianza cos concellos, que as empresas que queiran traballar en Galicia paguen menos impostos, que teñan que realizar menos tramitación administrativa para instalarse ou poñer en marcha ou negocio, e que dispoñan de solo industrial a baixo custo onde establecerse.

Así, apuntou que a atracción de investimento é un camiño de ida e volta, e que para logralo hai que apostar pola innovación, as facilidades administrativas e a axilización. Na súa intervención, Conde sinalou que a creatividade e o coñecemento deben ser a semente de todo proxecto empresarial que queira facerse un oco nun mercado cada vez máis esixente, apuntando que canto máis incorpore as novas tecnoloxías a industria máis opcións de crecemento terá o tecido empresarial galego.

30 de xuño de 2017 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.