publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As presas de San Sebastián e Prada realizarán o mércores unha proba do sistema acústico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA BolaLocal PortadaViana do Bolo
A-
A+

As presas de San Sebastián e Prada realizarán o próximo mércores unha proba do sistema acústico dos seus Plans de emerxencia para avaliar o seu correcto funcionamento e para dar a coñecer o seu son á poboación do contorno, veciños dos concellos ourensáns de Viana do Bolo e A Veiga en do concello zamorano de Pías.

En concreto, as sereas activaranse o mércores, 14 de xuño, entre as 10,00 e as 14,30 horas e o sinal será audible nos lugares de Pradorramisquedo, poboados de San Sebastián e Prada, Prada, Teixido e tamén en varios núcleos do concello zamorano de Pías. Trátase unicamente dunha proba, polo que non afectará aos veciños, que poderán seguir coa súa actividade diaria.

Con estas actuacións búscase acadar dous obxectivos: garantir a operatividade dos sistemas e, ao mesmo temo, que a poboación das zonas afectadas sexa capaz de recoñecer o son da serea de aviso de evacuación en caso dunha emerxencia.

A proba realízase a través da colaboración de Endesa Generación, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, a Junta de Castela e León, a Confederación Miño-Sil, e a Unidade de Protección Civil da Delegación do Goberno, así como dos tres concellos implicados. Desenvólvese no marco do proceso de implantación dos Plans de emerxencia nas presas, en cumprimento do establecido na Planificación de Protección Civil ante risco de inundacións.

Os obxectivos dos plans de emerxencia de presas pasan por ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave; coñecer as zonas que quedarían anegadas en caso de rotura; e ter previstos sistemas de aviso á poboación e aos organismos xestores de emerxencia. En definitiva, trátase de estar o mellor preparados posible ante situacións que poidan comportar riscos nestas instalacións e garantir, así, a seguridade da cidadanía.

12 de xuño de 2017 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.