publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta aposta pola formación e actualización continua entre o persoal da administración de Xustiza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBergondoLocal Portada
A-
A+
Alfonso Rueda en Bergondo. Foto: M. Fuentes

Alfonso Rueda en Bergondo. Foto: M. Fuentes

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a relevancia da formación e actualización continua entre o persoal que traballa na Administración de Xustiza, unha institución en evolución constante e que ten que adaptarse a distintas reformas lexislativas.

Así o sinalou esta mañá durante a sinatura do convenio de colaboración entre o goberno autonómico, a Fiscalía Xeral do Estado, a Deputación Provincial da Coruña e o Centro de Estudos Xurídicos. O acordo ten como obxectivo a posta en marcha da Escola de verán do Ministerio Fiscal. Con esta edición, xa van 16 anos nos que as catro institucións suman esforzos para facer realidade estas xornadas.

Este ano abordaranse principalmente asuntos relacionados coa protección penal da flora, fauna e dos animais domésticos. Dentro deste ámbito, dedicarase unha atención especial ao marisqueo ilegal, unha cuestión moi relevante para Galicia.

Precisamente, conscientes da problemática que supón esta actividade, téñense redobrado os esforzos da Policía Autonómica na loita contra o furtivismo e o marisqueo ilegal. No último ano, leváronse a cabo case 4.500 dispositivos neste ámbito, e houbo máis de 100 detidos. Todas estas actuacións desenvolvéronse coa colaboración do resto de corpos e forzas de seguridade do Estado, así como dos xuíces e fiscais.

A formación continua, como a que se impartirá nestas xornadas, é fundamental para seguir avanzando cara unha xustiza de calidade, pero tamén é preciso investir en medios, tal e como está facendo o Goberno galego. Así, entre outros avances, cabe destacar a implantación da Nova Oficina Fiscal de Galicia, que iniciou o seu despregamento este ano; a rede de videoconferencias, que é xa unha realidade cotiá; ou o Plan Senda, que ten como principais metas a implantación do expediente xudicial electrónico e da sede electrónica.

7 de xuño de 2017 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.