publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Conselleira do Mar destaca a mellora da efectividade e a coordinación nos traballos de control e de loita contra o furtivismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBergondoLocal Portada
A-
A+
Intervención de Rosa Quintana na xornada en Bergondo. Foto: M. Fuentes

Intervención de Rosa Quintana na xornada en Bergondo. Foto: M. Fuentes

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Bergondo a mellora da efectividade dos traballos de control contra o furtivismo en Galicia. Unha mellora, subliñou, baseada na coordinación e na colaboración entre o Servizo de Gardacostas da Xunta, os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, o sector e a Fiscalía Superior de Galicia. Así o sinalou durante o relatorio que ofreceu no marco da escola de verán Protección penal da flora, a fauna e os animais domésticos, organizada polo Ministerio Fiscal.

Segundo destacou a titular de mar, este avance é froito de distintas accións. Nesta liña destacou a progresiva especialización da Policía Autonómica no eido da loita contra o furtivismo e a colaboración entre este corpo e o Servizo de Gardacostas. Tamén salientou o traballo conxunto coa Garda Civil e coa Policía Local.

Neste sentido, lembrou que a implicación das policías locais realizouse a través de accións coma a Mesa do Burgo, do ano 2009, ou a coordinación establecida nas mesas de traballo realizadas pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores. Ademais fixo referencia ao apoio do traballo de vixilancia dos gardapescas das confrarías de pescadores e das agrupacións de mariscadores e mariscadoras dentro dos seus plans de explotación.

Outros eixos de actuación que destacou foi o plan de loita contra o furtivismo, unha planificación integral que se puxo en marcha en xullo de 2009 para frear a actividade ilegal e a posta en marcha de campañas publicitarias de concienciación para a loita contra esta problemática.

Por outra banda, no eido xurídico, Rosa Quintana destacou como clave a reforma do Código Penal, que entrou en vigor en xullo de 2015 e que tipifica como delito as actuacións de furtivismo que causen un grave dano na sustentabilidade dos recursos mariños. Unha reforma, subliñou, que deu cumprimento á reivindicación das confrarías de pescadores galegas.

Estas actuacións de loita conxunta e avances reflíctense en resultados como o incremento de infraccións detectadas, superando as 3.600 no 2016 fronte ás 3.200 do ano 2.009. Tamén no incremento de máis dun 87% dos comisos de peixe e marisco do ano pasado en relación a 2009, pasando de case 40.000 quilos no ano 2009 a máis de 73.000 o ano pasado. En canto á incautación de útiles, a cifra do ano pasado, de 24.200 aparellos requisados, foi lixeiramente superior á de 2009.

De cara ao futuro, a conselleira do Mar fixo fincapé na importancia de seguir avanzando na modernización e coordinación dos medios dispoñibles da man das novas tecnoloxías, empregando os datos que xera a cadea de trazabilidade dos produtos pesqueiros e as capacidades que ofrecen ferramentas como os drons.

Ademais subliñou que o furtivismo é unha problemática económica, social, sanitaria e ambiental que afecta a toda a sociedade. De aí a importancia fundamental de que a sociedade sexa unha aliada na loita contra esta lacra, expuxo.

7 de xuño de 2017 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.