publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ethel Vázquez destaca a licitación da primeira fase da mellora da estrada PO-234 e avanza a contratación do treito de Laxoso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobadeLocal PortadaPonte CaldelasPontevedra
A-
A+
Ethel Vázquez na visita a Cerdedo-Cotobade

Ethel Vázquez na visita a Cerdedo-Cotobade

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou a licitación das obras de mellora do primeiro treito da PO-234, desde Portasouto ata Augasantas, que comezarán no terceiro trimestre deste ano, previsiblemente despois do verán. Así o trasladou nunha visita a este concello pontevedrés, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo presidente da xunta xestora de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, na que lle presentaron a un grupo de veciños os detalles do proxecto. Ao acto asistiu ademais o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.

Vázquez Mourelle indicou que hoxe mesmo o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a licitación das obras do primeiro treito por importe de 662.000 euros (https://goo.gl/aD1PVv). O prazo de execución dos traballos é de 8 meses, polo que estarán finalizadas en 2018.

Ethel Vázquez remarcou que o Executivo autonómico ten disposición total para traballar e axilizar a segunda das actuacións de mellora na PO-234, ao seu paso por Ponte Caldelas, e contratará as actuacións este mesmo ano, unhas accións que tamén terá un prazo de execución de 8 meses e suporá un investimento de máis de 600.000 €.

A consellería de Infraestruturas e Vivenda lembrou que a mellora da PO-234 é unha actuación “esperada, moi demandada polos veciños e, co obxectivo de poder levar a cabo as melloras cunha maior celeridade, o Goberno galego tomou varias decisións”, como acometer os traballos en tres fases. A ese respecto, informou de que neste momento contase con dous dos proxectos construtivos redactados, que se corresponden cos 2 treitos nos que é máis necesario actuar, nos extremos da vía: no lado de Cerdedo-Cotobade e no lado de Ponte Caldelas.

Nese contexto, detallou que se acordou comezar as obras polo tramo que vai desde o cruce que une Portasouto con Augasantas, dado que o Concello de Cerdedo-Cotobade ten conseguido os terreos necesarios para poder comezar as obras no prazo de tempo máis breve posible, acurtando o prazo que supón un proceso expropiatorio.

As obras licitadas hoxe afectan ao treito máis próximo a Augasantas, nunha lonxitude de 2,7 quilómetros, que beneficia aos dous concellos, aínda que a meirande parte transcorre polo de Cerdedo-Cotobade. Anchearase a vía ata acadar os 7 metros e melloraranse as interseccións; ademais, executaranse gabias de seguridade onde sexa preciso e unha senda peonil diferenciada, de formigón coloreado, nos últimos 500 metros da actuación, para garantirlle aos veciños que se desprazan a pé unha mobilidade máis segura no núcleo de Augasantas.

De xeito paralelo, séguese a traballar no treito de dous quilómetros que vai desde o final da travesía de Ponte Caldelas ata a entrada da travesía de Laxoso. Neste caso, a conselleira informou que a Xunta debe tramitar un expediente expropiatorio, xa que o Concello non puido acceder aos terreos necesarios, pero comprometeuse a asumir o seu custo, polo que se formalizará un convenio, do que o Concello xa coñece a proposta, e haberá que someter a información pública o proxecto, o que implica un maior tempo de tramitación.

Non obstante, engadiu, “traballamos con intensidade, coa previsión de poder sacar a información pública o proxecto no mes de xuño e iniciar a contratación das obras neste ano 2017”.

Segundo afirmou, o Goberno galego mantén “unha firme aposta por reforzar a seguridade viaria e por mellorar a mobilidade dos veciños de Pontecaldelas e Cerdedo-Cotobade, por acelerar as actuacións, dividíndoas en fases sucesivas que permiten a execución por empresas diferentes, garantindo unha maior celeridade, e polo diálogo e colaboración cos concellos para dar resposta ao que demandan os cidadáns”.

15 de maio de 2017 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.