publicidade hoxe

Deputación da Coruña e Casco colaboran na rede de pisos de acollida e atención a persoas seropositivas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

O Comité Cidadán Anti-Sida da Coruña mantén abertos dous pisos de acollida e continúa a atender persoas seropositivas en situación e exclusión social nun labor que conta co apoio da área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña.

A deputada Ánxela Franco e a presidenta da entidade Celsa Díaz Cabanela asinaron o convenio de colaboración para o financiamento da rede de pisos de acollida e a atención de persoas seropositivas en situación de exclusión social. A Deputación da Coruña comprométese a achegar un total de 60.000 € para o financiamento dos gastos de persoal dos pisos de acollida e inserción que a entidade ten abertos na Coruña para o que se destina un orzamento total de 203.394,80 €.

“A pesar de que a situación mudou nos últimos anos con respecto á integración das persoas seropositivas, continúa a haber discriminación e persoas que padecen unha exclusión social contra a que temos que loitar desde as institucións e, por iso, desde a área que ten como obxectivo procurar o benestar social e a igualdade temos a obriga de colaborar con esta institución que ten demostrado a necesidade do seu traballo”, sinala a deputada Ánxela Franco.

Con 27 anos de traxectoria, o Comité Anti-Sida da Coruña mantén abertos dous pisos nos que atenden 10 persoas sen recursos. “O activismo foi maior nos anos noventa e a loita mudou en moitas cousas mais a marxinación aínda existe e exemplo diso é que as persoas maiores con VIH non poden ingresar en residencias públicas, por iso son aínda máis necesarios estes servizos, mentres non se cambie a consideración da enfermidade”, explica Celsa Díaz.

29 de maio de 2017 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.