publicidade hoxe

Cangas acolle a mostra “De Pontevedra a Río 2016” de homenaxe ao deporte olímpico e parolímpico da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasPontevedra
A-
A+

A exposición fotográfica “De Pontevedra a Río 2016”, organizada pola Deputación de Pontevedra, segue o seu percorrido polas vilas da provincia. Esta mostra, que lles rende homenaxe ás e aos deportistas olímpicos, por unha banda, e parolímpicos, pola outra, da provincia de Pontevedra que participaron nas últimas edicións dos Xogos Olímpicos e Parolímpicos, chega este mércores 10 de maio a Cangas, cunha inauguración que se desenvolverá no auditorio municipal, ás 13:30 horas, e á que asistirán a deputada de Deportes, Chelo Besada, e o alcalde cangués, Xosé Manuel Pazos.

A exposición, que comezou no Pazo provincial o pasado mes de outubro, xa recalou en diversas localidades da provincia coma Tui, Cambados, Nigrán, Sanxenxo, Lalín, As Neves, Silleda, A Estrada, Marín, Ponteareas, Barro ou O Rosal, e ao longo deste estará á disposición do público nunha decena de concellos máis. En Cangas a mostra poderá visitarse, entre as 17:00 e as 21:30 horas, no auditorio municipal.

“De Pontevedra a Río 2016” recolle o palmarés das e dos 16 deportistas da provincia de Pontevedra que participaron nos Xogos Olímpicos e Parolímpicos o pasado ano, nuns paneis individuais nos que se poden comprobar as súas traxectorias deportivas. Os 16 de “Río 2016” son Fernando Alarza Vicente, Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabey Avomo, Támara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Marín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.

8 de maio de 2017 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.