publicidade hoxe

A Xunta traballa nun decreto que impulse a innovación sanitaria e a transferencia de tecnoloxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou hoxe que a Xunta está a traballar nun decreto para impulsar a innovación sanitaria e a transferencia de tecnoloxía neste eido. Esta transferencia é o proceso polo que se comunican coñecementos, tecnoloxías ou descubrimentos científico-técnicos dunha organización a outra para continuar co seu desenvolvemento e asegurar que os avances sexan accesibles a un maior número de usuarios.

Neste sentido, salientou que a consolidación da investigación traslacional obriga a optimizar o investimento en I+D biomédica, a aproveitar sinerxías, a reorganizar estruturas e a crear outras novas (como grandes plataformas tecnolóxicas nas áreas de xenómica, nanotecnoloxía ou biobancos), e a desenvolver redes de investigación cooperativa tanto co entorno público como co privado.

O conselleiro inaugurou hoxe a Xornada BioIntegraSaúde 2017, onde destacou o papel dos tres institutos galegos de investigación sanitaria, o IDIS, o INIBIC e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Estas entidades funcionan como estruturas de xestión, transferencia e avaliación das actividades de I+D+i e, nun ámbito más amplo, das actividades de xestión do coñecemento en biomedicina e ciencias da saúde. A súa misión é impulsar, de maneira efectiva, a investigación biomédica e a innovación no eido da saúde, aproveitando as oportunidades que ofrecen o alto nivel técnico das estruturas sanitarias asistenciais públicas. Ademais, facilitan a capacidade para a captación de recursos económicos e a súa xestión transparente ante a cidadanía.

Os resultados conseguidos por eles, destacou, son “excelentes” e inclúen, en 2016, máis de 1.100 artigos publicados en revistas científicas e máis de 30 millóns de euros de financiamento externo conseguido para actividades de I+D. Estes institutos desenvolven un importante labor de formación tanto na etapa predoutoral como postdoutoral, e contribúen á transferencia de coñecemento con solicitudes de patentes, acordos de licencia ou co-desenvolvemento e incluso coa constitución de spin-offs.

“Dous deles están xa acreditados polo Instituto de Salud Carlos III, o cal é un orgullo para Galicia, e esperamos que coa consolidación da actividade no Hospital Álvaro Cunqueiro e a posta en funcionamento dos seus novos laboratorios de investigación, poidamos moi pronto celebrar tamén a acreditación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur”, declarou.

Almuiña asegurou que o Sergas é unha referencia nacional, e mesmo internacional, en innovación sanitaria en ámbitos como a implantación das TICs ou a Compra Pública Innovadora, e destacou a súa capacidade de achegar valor engadido á sociedade a través da xeración de riqueza, creando postos de traballo, empresas e produtos comercializables.

Para iso apostou por desenvolver sistemas de xestión da investigación e a innovación biosanitaria que faciliten que a organización se abra ao encontro con outros axentes de innovación, como as Universidades, xa socias nos Institutos, e outros centros xeradores de coñecemento, como centros tecnolóxicos e empresas. “Só así, agregando as nosas fortalezas e colaborando co noso entorno, podemos afrontar esta oportunidade e crear en Galicia un verdadeiro polo de riqueza en torno ao sector biosanitario”, afirmou.

Así, avogou por deixar de ver o sistema de saúde como un centro de gasto e pasar a velo como un centro xerador de oportunidades. Con esta visión estratéxica a Consellería de Sanidade puxo en marcha a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e a Plataforma de Innovación Sanitaria, e impulsou programas de valorización como o PRIS, a través do que se identificaron 65 proxectos con potencial traslacional que se están a desenvolver nos hospitais do Sergas, promovidos polos profesionais, e dos que varios están xa beneficiando a pacientes galegos.

Esta é a primeira xornada BioIntegraSaúde que se celebra na Coruña tras a acreditación do INIBIC polo Instituto Carlos III. Os seus obxectivos, segundo destacou o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada, Luis Verde, son manter o seu nivel de excelencia e acadar, deste modo, a reacreditación; afianzar a súa presenza no contorno europeo; reforzar a investigación nos colectivos de Atención Primaria e enfermería; e traballar na transferencia de descubrimentos de forma que este coñecemento revirta na sociedade e axude a mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

Verde salientou tamén a importancia de dar continuidade a este tipo de eventos, que permiten o contacto con outros axentes clave, a busca de vías para a posta en valor dos resultados obtidos, adoptar un enfoque multidisciplinar e colaborador e contar cun momento de reflexión para tomar conciencia do punto no que se atopa a investigación en Galicia replantexando, deste xeito, metas e obxectivos.

30 de maio de 2017 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.