publicidade hoxe

A Xunta colabora no X Salón da Prevención e Seguridade Laboral que acollerá Expourense esta semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+
Presentación de Previsel

Presentación de Previsel

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da decimo segunda edición de Previsel, o Salón da Prevención e Seguridade Laboral, que acollerá Expourense os días 10 e 11 de maio. O obxectivo deste certame é fomentar a cultura preventiva non só entre os profesionais senón entre toda a sociedade en xeral e, así, conseguir a integración definitiva da prevención no sistema de xestión das empresas galegas para crear espazos de traballo saudables.

Díaz Mouteira explicou que a prevención é unha prioridade para a Xunta, polo que hai uns días se presentou a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 e que inclúe un total de 163 medidas para reducir a sinistralidade laboral e consolidar a cultura preventiva no tecido empresarial e entre os traballadores. “A prevención é cousa de todos, atinxe a tódolos ámbitos da sociedade…por iso Administración, patronal e sindicatos debemos seguir traballando para baixar os datos de sinistralidade”, afirmou a delegada territorial.

A edición deste ano contará con 23 expositores procedentes de Galicia na práctica totalidade e cómpre destacar a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencias.

En total Previsel oferta un programa con máis de 30 actividades nas que tamén se inclúen conferencias e obradoiros especializados dirixidos a determinados sectores como a edificación, a agricultura, a docencia ou o forestal. Unha das novidades desta edición serán os dous seminarios que organiza o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) na súa aposta pola formación en prevención de riscos entre os profesionais de sectores específicos . O primeiro deles abordará o “burnout” (síndrome do “traballador queimado”), un termo de actualidade que fai referencia ao estrés no traballo, e estará dirixido aos docentes e ás persoas que traballan de cara ao público. O segundo dos obradoiros organizados polo ISSGA versará sobre a prevención de riscos no sector primario contemplando os traballos na horta, en invernadoiros e na recollida da pataca.

Ademais, o Goberno galego colabora dun xeito transversal en distintas actividades a través da Consellería de Sanidade ou a través da presenza da unidade operativa de drons da Axencia Galega de Emerxencias.

Previsel é un salón organizado por Expourense co patrocinio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego, e no que colaboran o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, un organismo autónomo integrado pola Administración autonómica e por axentes sociais e empresariais, e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Dirección Xeral de Emerxencias.

8 de maio de 2017 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.