publicidade hoxe

A Real Filharmonía de Galicia ofrece concertos en Santiago e Ourense en conmemoración do Día das Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Real Filharmonía de Galicia vai ofrecer dous concertos esta semana para conmemorar o Día das Letras Galegas. O primeiro terá lugar este martes no Auditorio Municipal de Ourense, ás 20:30 horas. E o xoves 18, a orquestra tocará en Santiago, no Auditorio de Galicia, tamén ás 20:30 horas. En ámbalas dúas actuacións, gratuítas e promovidas polo Consello da Cultura Galega, levará a batuta o director asociado da RFG, o mestre compostelán Maximino Zumalave; e contarase coas voces do Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia, que dirixe Daniel García Artés.

Os concertos comezarán coa popular Alborada, do compositor galego Pascual Veiga (1842-1906), e Lonxe da terriña do lucense Juan Montes (1840-1899), ámbalas obras arranxadas polo vigués Juan Durán. De seguido, a orquestra tocará Suite sobre cantos populares gallegos, do compositor catalán Enrique Granados (1867-1916). Logo, o público poderá gozar con varios fragmentos de Cantata das cantigas, de Rogelio Groba (1930).

Estrea de Formiga, homenaxe a Carlos Casares

Os concertos de Ourense e Santiago concluirán coa estrea da obra Formiga, do compositor lucense Rubén Vizcaíno (1978), escrita sobre un texto do libro A galiña azul, de Carlos Casares, por encargo do Consello da Cultura Galega. Este músico novel estudou piano no Conservatorio de Lugo e composición na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. Tamén estudou composición electroacústica e composición para cine e televisión. Ten un profundo interese na música vocal, sendo autor de todos os poemas empregados nas súas obras. E tamén crea música para videoxogos.

A galiña azul é un dos libros máis populares do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. É unha das primeiras obras editadas en galego para o público infantil, un texto pioneiro no que Casares transmite, baixo a aparencia de conto para nenos, a súa habitual mensaxe contra a intolerancia e a inxustiza.

As voces do Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia

O Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia presentouse en público por primeira vez en xuño de 2005 na Coruña. Ademais de colaborar nos concertos co Coro e a Orquestra Sinfónica de Galicia, ofrece con regularidade actuacións a capela en diferentes localidades da Comunidade galega.

Obtén o Primeiro Premio no concurso da Fira de Tots Sants de Cocentaina (Alacante) en 2007, así como o Premio do Público e o Segundo Premio do Concurso Nacional de Corales Antonio José en Burgos en 2008.

Está integrado por 35 mozos e mozas de entre 13 e 21 anos. Na actualidade exerce os labores de Dirección Musical do coro o mestre Daniel García Artés.

15 de maio de 2017 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.