publicidade hoxe

Xunta e Concello de Ourense asinan un acordo para a modernización de infraestruturas do polígono do Vinteún

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta mañá, durante a firma do acordo entre a Xunta e o Concello de Ourense para a posta en marcha das obras de mellora do polígono do Vinteún, o compromiso do Goberno galego coa fixación do tecido empresarial a través do Plan de captación de investimentos e da Lei de implantación empresarial: “Con este plan, con actuacións de mellora nos polígonos industriais e coas facilidades administrativas e fiscais que promoverá a nova lei, faremos que Galicia sexa máis atractiva desde o punto de vista dos investimentos empresariais”, asegurou.

Conde explicou que para conseguir este obxectivo é necesaria a colaboración entre administracións e empresarios e seguir a senda iniciada para fixar tecido empresarial e xerar emprego industrial e de calidade, apoiándose na innovación e na industria 4.0 “para que Galicia se identifique como lugar para investir”, afirmou. Neste sentido, recordou que, entre as medidas postas en marcha pola Xunta, destacan os descontos de ata o 50% no solo industrial: “En Ourense estamos comprobando os resultados cun crecemento en 2016 de máis do 16% na creación de empresas. Ademais, neste primeiro trimestre de 2017 a provincia está creando 1,5 empresas diarias”, informou o conselleiro.

As obras do polígono do Vinteún, nas que a Xunta investirá 700.000 euros, consistirán na mellora da pavimentación de calzadas, zonas de aparcamento e beirarrúas; e das redes de abastecemento de auga e gas. Tamén se ampliará a rede de saneamento e se instalará iluminación exterior, así como novas redes de telecomunicacións. “Facemos realidade a necesidade de adecuar estas instalacións para o desenvolvemento dunha actividade industrial máis competitiva, tanto para as empresas que xa están aquí como para as que se vaian instalar no futuro”, sinalou o conselleiro.

Conde lembrou que ao longo da pasada lexislatura a modernización dos polígonos industriais foi unha das prioridades da Consellería. Deste xeito, executáronse obras de mellora en 20 parques empresariais que mobilizaron 5 millóns de euros.

18 de abril de 2017 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.