publicidade hoxe

Comezan as tarefas de mellora da sinalización e de rehabilitación do firme no acceso ao CUVI en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+

A Deputación de Pontevedra iniciou onte as obras de mellora da sinalización horizontal e vertical da estrada provincial que dá acceso ao CUVI no Concello de Vigo para solucionar os problemas de seguranza viaria que presentaba. Hai que lembrar que esta actuación, na estrada provincial EP-2005 entre Meixoeiro e o CUVI, contempla a substitución dos sinais verticais deteriorados, a instalación de outros novos de reforzo (tanto de seguranza viaria como de localización), e o pintado de bandas transversais continuas sonoras reflectantes nos laterais da estrada.

Estes elementos, xunto aos catafaros reflectantes pegados ao asfalto (coñecidos como ‘ollos de gato’), permitirán marcar correctamente o trazado da vía e evitar que os condutores se saian da calzada en días de néboa e chuvia intensa, bastante habituais na zona do CUVI. Tamén está previsto cambiar as barreiras de seguridade laterais acoplándolles proteccións para motoristas (banda dupla) coa finalidade de mellorar a seguranza viaria nas zonas de desniveis e de curvas.

A actuación que vén de comezar ten un prazo de execución de dous meses, que será incrementado para acometer a rehabilitación integral do firme no primeiro treito da estrada, que corresponde aproximadamente a un tramo de 500 metros. A mellora que se está a acometer nesta vía fora considerada no seu momento o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, como “unha actuación moi necesaria”, atendendo ao volume de tráfico da vía, pola que transitan máis de 5.000 vehículos diarios de media e na que hai deficiencias de visibilidade que impiden unha correcta mobilidade para os peóns e os vehículos que van ao campus.

A contratación desta mellora fora adxudicada á empresa ‘API Movilidad’ o pasado mes de decembro, por un importe de 68.530 euros. Esta actuación enmárcase na nova política de Mobilidade que se promove desde a Deputación e na que a seguranza viaria e o mantemento das estradas provinciais está a ser un dos eixos do traballo prioritarios no presente mandato. Neste sentido, o titular do departamento de Mobilidade, Uxío Benítez lembra que se contempla a mellora da sinalización horizontal da totalidade das estradas da Deputación no concello de Vigo cun orzamento total que rolda os 45.000 euros. Serán melloradas a EP-2001 entre o Calvario e A Garrida, a EP-2002 entre Gran Vía e a avenida de Madrid, a EP-2003 entre Coruxo e Canido e a EP-2004 entre Beade e Carneiras dentro dun plan provincial global que ascende a 1,7 millóns de euros. O obxectivo do plan de sinalización horizontal é se pinten as vías (liñas lonxitudinais, aparcamentos, illotes, cebreados, pasos de peóns) que nunca tiveron marcas viarias e se renove o pintado naquelas nas que polo paso do tempo e o uso xa estean desgastadas.

19 de abril de 2017 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.