publicidade hoxe

A Xunta aposta pola investigación e o desenvolvemento coa ampliación do Laboratorio de Medio Ambiente da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato na visita ás instalacións do Laboratorio de Medio Ambiente da Coruña. Foto: M. Fuentes

Beatriz Mato na visita ás instalacións do Laboratorio de Medio Ambiente da Coruña. Foto: M. Fuentes

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio comezará hoxe mesmo as obras de actualización e ampliación das instalacións do Laboratorio de Medio Ambiente situado na cidade da Coruña. Así o anunciou esta mañá a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, durante a presentación dos traballos de reforma, que suporán un investimento total de 616.374 euros.

A conselleira de Medio Ambiente asegurou que este centro, único en España pola súas características, “sitúa a Galicia na vangarda da investigación e loita contra o cambio climático”. Neste senso, Beatriz Mato explicou que este laboratorio está a avaliar a calidade das augas dos ríos e os encoros de Galicia e ofrece o apoio técnico necesario para a realización das autorizacións ambientais integradas (AAI), “porque queremos coñecer a nosa realidade e a calidade das nosas augas e do aire”.

Todo isto cunha tecnoloxía e un sistema de traballo que o fai único en España. Deste xeito, “o compromiso da Xunta de Galicia con este centro e as actividades que aquí se desenvolven vén de lonxe e proba diso son os 6,4 millóns de euros que o Goberno galego leva investidos neste centro”. “Hoxe -engadiu a conselleira de Medio Ambiente- queremos completar cunha partida de 600.000 euros destinados ás obras de ampliación, tal e como hoxe sae publicado no DOG ( http://bit.ly/2oR0F); e outra de igual cantidade para a instalación de instrumental e aparatos de medida e observación, que se achegará ao longo deste ano”. En resumo, 1,2 millóns de euros que se investirán no laboratorio neste 2017.

Con esta actuación de ampliación e actualización dos espazos destinados á investigación e ao desenvolvemento, profundou Beatriz Mato, gañaranse catro novas áreas de traballo diferenciadas a través da dotación de mobiliario actualizado e específico de laboratorio, de arquivo e de almacenamento; así como mediante a creación dunha sala multidisciplinar para a realización de conferencias, reunións e seminarios; a reorganización dos espazos de almacenamento e a disposición dunha nova área para a correcta separación e illamento dos residuos, tanto os que se empregan para a observación e a análise, como aqueles que se xeran e tratan posteriormente.

Así, indicou a conselleira de Medio Ambiente, as condicións de traballo dos nosos investigadores quedarán melloradas de forma notable, pois se optimizan e adecúan ás necesidades os espazos destinados á execución dos diferentes procesos analíticos e se amplían as áreas destinadas ao desenvolvemento das análises químicas co obxectivo de integrar o equipamento cos últimos avances na instrumentación e metodoloxía de medida.

En definitiva, Mato Otero destacou a importancia deste laboratorio por canto serve de apoio e dá soporte tanto aos traballos que desenvolve a Consellería do Medio Ambiente como outros departamentos da Xunta de Galicia. Entre as súas tarefas, o Laboratorio de Medio Ambiente toma mostras e realiza análises químicas e biolóxicas das redes de control de calidade das augas naturais ao abeiro da Directiva Marco de Augas, observa as compoñentes do aire e da auga de chuvia como reforzo aos datos dos analizadores automáticos de contaminantes en aire ambiente da Rede de Calidade do Aire de Galicia e apoia a inspección técnica para o seguimento das Autorizacións Ambientais Integradas (AAI) coa recollida e análise de mostras.

En resumo, estes tres ámbitos de traballo supoñen máis do 80 por cento do traballo analítico que realiza o laboratorio, pero, tal e como sinalou Beatriz Mato, “tamén colabora con outros organismos, como o Seprona e a Policía autonómica, naqueles casos en que se necesiten datos para calquera tipo de intervención en temas relacionados co medio ambiente”.

O futuro Centro Tecnolóxico do Medio Ambiente de Galicia

Igualmente, a conselleira de Medio Ambiente recordou que este laboratorio, que comezará a reformarse hoxe mesmo co inicio dos traballos previos, como son a preparación das zonas e, fundamentalmente, acopio de material e maquinaria; xogará un papel decisivo de cara á futura constitución do Centro Tecnolóxico do Medio Ambiente de Galicia, que será un dos instrumentos que preparará á Comunidade galega na loita contra o cambio climático e será, segundo Beatriz Mato, “froito da combinación de dous organismos para nós imprescindibles: Meteogalicia e este laboratorio”.

Mato Otero reiterou que a loita contra o cambio climático é un dos eixos sobre os que xira a política do departamento que dirixe e que mellor forma que optimizar os medios dos que xa dispoñemos. Así, coa combinación de ambos os dous organismos alcanzarase un novo fito no campo da meteoroloxía e do medio ambiente e que permitirá implantar un modelo de xestión integrado e eficiente e incrementar a actividade investigadora e de innovación.

Aposta pola investigación e o desenvolvemento

É importante salientar que o Laboratorio do Medio Ambiente está en funcionamento desde o ano 1992 e foi ampliado en dúas ocasións polo actual Goberno da Xunta de Galicia. A primeira realizouse no ano 2011, coa que se mellorou a primeira planta, e agora en 2017, co inicio inmediato das obras que suporán a creación e optimización de espazos na planta baixa. En total, a Xunta de Galicia achegou 6,4 millóns de euros para a modernización e posta a punto dos equipos de análise e investigación dos que dispón este centro.

Unha vez máis, móstrase -dixo Beatriz Mato- o firme compromiso deste Executivo pola Ciencia e polo I+D+i, que se estende aos máis diversos ámbitos e, neste caso concreto, ao servizo da calidade ambiental e a loita contra o cambio climático.

10 de abril de 2017 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.