publicidade hoxe

A Xunta achega os servizos de reacciona TIC ao sector tecnolóxico nunha xornada en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

Facilitarlles ás empresas información detallada sobre as posibilidades que poden achegarlles os investimentos e solucións da chamada Industria 4.0 como activo de cambio no sector das novas tecnoloxías é o obxectivo da xornada específica sectorial ¬–sobre os retos do Big Data– do programa ReAcciona TIC, impulsado conxuntamente polo Igape e a Amtega, que se desenvolverá o próximo mércores día 26 de abril nas instalacións do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), a partir das 10 horas.

A Xunta activou en datas recentes a segunda convocatoria do ano 2017 para a solicitude dos servizos do programa Re-acciona TIC, deseñado para impulsar a mellora da competitividade e a transformación dixital das empresas a través de diferentes servizos tecnolóxicos e de Industria 4.0, que estará aberta á presentación de solicitudes ata o vindeiro 31 de maio. Para difundir as vantaxes que o programa pode achegarlles ás pemes, ambas entidades están desenvolvendo un ciclo de xornadas sectoriais que comezou cunha centrada na dixitalización do turismo, e seguiu con outra centrada na automoción.

O encontro do programa ReAcciona TIC sobre o sector tecnolóxico incluirá un relatorio marco a cargo de Guillermo López, CEO e cofundador de Torusware, e unha experiencia práctica contada por Santiago Cabaleiro, directivo de Visual MS, empresa beneficiaria do programa ReAcciona gañadora dos Best Workplaces 2017. Logo destes dous relatorios, procederase á presentación dos servizos do programa ReAcciona TIC para o fomento da economía dixital e a incorporación de solución 4.0 nas pemes. O encontro rematará cunha rolda de preguntas e unha sesión de networking para os empresarios asistentes.

Os encontros sectoriais sobre o programa Re-acciona TIC, cofinanciado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, están especialmente dirixidos a persoal directivo e responsables de departamentos en empresas (xerencia, compras, produción, finanzas etc.) de calquera sector empresarial. Para asistir cómpre inscribirse no enderezo de correo electrónico comunicacion@reacciona.igape.com ou a través do teléfono 986 419 922 (ext. 2030).

Servizos de Empresa Dixital

No eido da empresa dixital, o Programa ReAcciona TIC ofrece servizos de elaboración da diagnose para a aplicación de solucións dixitais na empresa, así como, servizos de soporte á implantación de solucións dixitais de mobilidade, de mellora da xestión empresarial ou de marketing dixital.

Con estes servizos tecnolóxicos, a Xunta busca contribuír a mellorar o futuro das empresas galegas mediante o achegamento de novas competencias e a incorporación de tecnoloxías que permitan ás empresas gozar de vantaxes competitivas, da man dunha rede de axentes colaboradores especializados, integrada por empresas especializadas, que as asesoran e acompañan en todo o proceso.

Servizos Empresa 4.0

ReAcciona TIC ofrece tamén un catalogo de solucións para impulsar a Empresa 4.0 con servizos orientados a establecer novas fórmulas de produción e a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución.

Así, a través do programa ReAcciona TIC, as Pemes poden acceder a asesoramento especializado para avaliar a súa capacidade e as oportunidades ao seu alcance para aplicar solucións de Industria 4.0 que lles permitan unha maior flexibilización, automatización, interconexión e sustentabilidade dos procesos produtivos.

24 de abril de 2017 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.