publicidade hoxe

O CDG amosa a súa sede e os ensaios de ‘Martes de Carnaval’ no Día Mundial do Teatro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Anxo Lorenzo na visita ao CDG. Foto: X. Crespo

Anxo Lorenzo na visita ao CDG. Foto: X. Crespo

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mais o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, compartiron hoxe a celebración do Día Mundial do Teatro na xornada de portas abertas que está a levar a cabo o Centro Dramático Galego na súa sede do Salón Teatro de Santiago de Compostela.

Deste xeito, uníronse ao grupo de cidadáns que percorreu, en visita guiada e xunto coa directora da compañía pública, Fefa Noia, as distintas dependencias do teatro, desde os camaríns ata a sala de control de luces e son, así como as bambolinas e a maquinaria do escenario.

Saudaron ademais os actores e actrices que están a ensaiar no Salón Teatro o espectáculo ‘Martes de Carnaval’, de Ramón del Valle-Inclán, a actual produción da compañía pública que conta cun elenco integrado por Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja, Machi Salgado e Sergio Zearreta.

Alí, a directora da montaxe, Marta Pazos, explicoulles o proceso xeral da posta en escena, o momento interpretativo no que se atopa e o plan de traballo cara á estrea o próximo 20 de abril desta produción composta por dúas pezas do autor arousán: ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’.

Que se agocha tras o pano?

Ao longo da mañá e da tarde, un total de 75 persoas repartidas en sete quendas terán realizado esta visita ao Salón Teatro, nunha xornada de portas abertas presentada baixo o título ‘Que se agocha tras o pano’ e organizada especialmente para conmemorar o 27 de marzo, día instituído pola UNESCO en 1961 para celebrar e reivindicar internacionalmente a importancia do teatro na sociedade. Precisamente foi tamén un 27 de marzo, en 1984, cando se creou o Centro Dramático Galego, hai hoxe 33 anos.

A visita, de 45 minutos de duración, remata na sala da biblioteca, onde os asistentes participan no sorteo de exemplares de dous libros: a antoloxía teatral ’40 anos daquel abrente’ e ‘Tartufo’, o primeiro número da colección do CDG ‘O papel do teatro’.

27 de marzo de 2017 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.